Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os mergulladores de Mina Consuelo volverán ao pasar a época das choivas

Os mergulladores de Mina Consuelo volverán ao pasar a época das choivas

Percorreron 200 metros pero aínda non atoparon a baixada a sexta galería

G24.gal 19/02/2022 21:08

Percorridos 200 metros da quinta galería. Os mergulladores que exploran Mina Consuelo deben volver para intentar baixar á sexta

Dende que Mina Consuelo abriu ao público a pasada fin de semana, cada día hai máis persoas interesadas en participar no percorrido guiado que se pode facer a través das galerías desta escavación.
Este sábado, ademais de visitantes, as minas tamén recibiron un grupo de especialistas entre os que estaban os dous espeleólogos mergulladores que botaron ata a tardiña explorando as galerías que permanecen anegadas pola auga.

Un dos maiores intereses en estudar estas minas é verificar que a sexta galería vai dar, practicamente, a poucos metros do centro da vila, co cal a súa recuperación para uso espeleolóxico e turístico sería moi importante.

En marzo vaise presentar a topografía da mina

É a segunda cavidade topografada máis longa de Galicia. Sen ningún interese económico e movidos polo desexo de saber que agochan as augas, os mergulladores, pertencentes a unha empresa espeleolóxica de Madrid, percorreron hoxe máis de douscentos metros da quinta galería; cen cara ao norte e cen cara ao sur que, a priori, é a zona máis interesante xa que é onde estaría a saída da mina que vai dar ao centro da vila da Pontenova.

Malia que a galería continuaba, non percorreron máis porque o limo apenas lles deixaba ver.

Polo de agora aínda non deron coa baixada á sexta planta, pero foi un primeiro achegamento no que afondaron unha profundidade de ata doce metros.

A súa intención é volver en canto pase a época das choivas e descenda tres ou catro metros a auga da quinta galería para poder atopar a baixada ata a sexta e continuar así coa exploración desta escavación que abriu un grupo mineiro vasco sobre o 1904 para buscar mineral de ferro e que pechou antes do 1925.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade