Os montes ourensáns énchense de xente para festexar os magostos
Á noitiña, a celebración trasladouse á cidade, cun magosto popular
Baixo un sol radiante, convocado polo verán de San Martiño, volveron os ourensáns ao monte para recuperar unha tradición que durante dous anos a pandemia reducira á mínima expresión.
"Un día estupendo. Algún ano choveu, pero sempre puidemos celebralo, menos na pandemia", comenta unha muller. "Imos pasar aquí a tarde, antes de que chegue a noitiña, para aproveitar ao máximo o día", engade un rapaz.
Un dos grupos, do barrio ourensán do Couto, congrega unha vintena de persoas. Veciños e amigos para os que os magostos son unha tradición indispensable que se transmite de xeración en xeración.
E uns metros máis alá, magosto familiar: "Toda a familia: curmáns, irmáns, padriños... e os nenos, que son os que lle dan alegría á festa", enumera un dos participantes. Chegaron xa ás dez da mañá para situárense no penedo de todos os anos, outra das tradicións dos magostos.
Tamén os hai urbanos. O da parroquia de Castro de Beiro vai cumprir os cincuenta anos de historia. Xuntou máis de duascentas persoas. "A verdade é que moi ben, tivemos un día estupendo", di unha veciña. "O verán do San Martiño, que vén sempre: hoxe e mañá, e despois xa se acaba", sinala outro.
Chega a noite
A medida que avanzaba o día e ían baixando as temperaturas, a festa trasladouse á cidade, onde o concello organizou un magosto popular, con animación e espectáculos de rúas para alongar, o máis posible, o día de San Martiño, patrón da cidade.