Publicador de contidos
Publicador de contidos

A cifra de mortos no terremoto de Turquía e Siria ascende xa a 35.000

A cifra de mortos no terremoto de Turquía e Siria ascende xa a 35.000

Oito días despois continúa aparecendo vida baixo os cascallos

A cifra de mortos pode duplicarse xa que miles de corpos están baixo os seis mil edificios derrubados

Traballo de desentullo na cidade turca de Gaziantep
G24.gal 13/02/2023 14:04 Última actualización 13/02/2023 14:20

Os equipos de rescate buscan os últimos sobreviventes dos terremotos que devastaron o sueste de Turquía e o noroeste de Siria causando xa máis de 35.000 mortos e 80.000 feridos.

A ira da sociedade turca diríxese agora aos construtores dos edificios que supostamente estaban feitos para aguantar fortes sismos e contra os que a Fiscalía emitiu un cento de ordes de detención.  

Oito días despois da que xa é a peor catástrofe sísmica dos últimos cen anos en Turquía, continúa aparecendo vida baixo os cascallos.

Unha das últimas, esta muller rescatada na cidade de Antioquía, na costa mediterránea, despois de permanecer máis de 170 horas sepultada, ou estoutra muller de 50 anos que, despois de varias horas de traballo, conseguía recuperar un dos equipos de rescatadores españois desprazados á zona.

Ao outro lado da fronteira, na localidade siria de Jableh, Nader Fadi busca as súas pertenzas entre as ruínas.

"Só sobrevivimos a miña filla e eu, porque non estabamos na casa", di Nader, que perdeu a súa muller e dous fillos no terremoto.

O número de mortos segue medrando e xa van máis de 31.500 no último reconto das autoridades turcas, e os feridos superan os 80.000. En Siria, a ONU cifra os falecidos en máis de 4.000. En total máis de 35.000 vítimas mortais.

O organismo internacional e varios expertos advirten de que a cifra definitiva de vítimas mortais podería duplicarse, xa que miles de corpos permanecen baixo os cascallos dos seis mil edificios derrubados.

Moitos deles de recente construción e que debían poder aguantar terremotos de magnitude semellante aos de hai unha semana. A Fiscalía turca emitiu un cento de ordes de detención contra construtores e arrestou unha ducia deles, nalgún caso cando intentaban abandonar o país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade