Os nenos saharahuís agradecen a solidariedade galega en Santiago
Os nenos saharahuís agradecen a solidariedade galega en Santiago
Uns douscentos cincuenta nenos do Sáhara Occidental pasan o verán en Galicia acollidos por familias
A corporación municipal de Santiago organizou unha recepción oficial para agradecer a solidariedade das familias
No acto reivindicouse a situación de desamparo que sofre o pobo saharauí
Os risos dos nenos saharauis enchían esta mañá a contorna da catedral de Santiago de Compostela. Teñen entre oito e doce anos e forman parte do programa solidario Vacacións en Paz, a través do cal unhas duascentas familias galegas acóllenos durante dous meses para que poidan coñecer unha realidade diferente a dos campos de refuxiados.
"É o primeiro ano que acollemos unha nena. Para ela tamén é a primeira vez que sae dos campamentos de refuxiados do Sáhara, do medio da area, e que visita Galicia, e para nós é moi positiva", comenta Secundino Rivera, un dos pais que acolleu no seu fogar unha nena saharauí.
Nenos e familias de acollida asistiron a recepción oficial organizada pola corporación municipal compostelá e na que estiveron presentes outras autoridades. Durante o acto valorouse a solidariedade das familias galegas e tamén e se lembrou a situación de desamparo que sofre o pobo saharauí. Xa son trinta anos os que esta iniciativa solidaria leva traendo os nenos a Galicia.
"É un día que nos permite reivindicar a inxustiza que se segue a cometer co pobo saharauí máis de corenta e cinco anos. Non hai dúbida que os nenos de Vacacións en Paz son os mellores embaixadores que temos para dar a coñecer esta realidade", manifesta Maite Isla, presidenta da rede Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.
Durante o acto, o delegado saharauí en Galicia, Mohamed Zerga, defendeu o dereito á autodeterminación do pobo africano e tamén agradeceu a solidariedade dos galegos coa súa xente. Unha xornada reivindicativa pero tamén festiva, en que nenos e familias de acollida viviron unha experiencia inesquecible.