Os ourensáns son os galegos que máis suspenden o carné de conducir
Os ourensáns son os galegos que máis suspenden o carné de conducir
Segundo os datos da DTX, só o 39 % dos alumnos conseguiu aprobar o exame no ano 2022
É a segunda provincia do estado con peores resultados, só despois das Palmas, cunha taxa de aprobados do 36 %
En Galicia, a provincia de Lugo é a que mellor porcentaxe de aptos ten, cun 58 %, seguida de Pontevedra, cun 56 %, e A Coruña, cun 51 %
Sacar o carné de conducir non é sempre unha tarefa doada, e senón que llelo pregunten os ourensáns. A provincia de Ourense é a que ten un maior porcentaxe de suspensos de toda Galicia e a segunda de España con máis taxa de fracasos.
Aprobar o exame de conducir á cuarta ou á quinta vez é bastante habitual na cidade de Ourense e só un 39 % acaba aprobando. Para os que se enfrontan á proba hai varios factores que dificultan obter o permiso de circulación.
"Son bastante esixentes pero ademais en Ourense, creo que a xente, en xeral, os condutores tampouco respectan moito algunhas normas, por exemplo paran moito en dobre fila, este tipo de cousas que dificultan tamén o tráfico".
"Piden demasiadas cousas e son moi subxectivas".
"Nivel de esixencia, piden moito máis aquí que noutro lado, e por iso é a segunda provincia con máis suspensos".
A media de aprobados en Galicia é un 52 % e a provincia que mellor taxa ten é Lugo, cun 58%, de aptos. Iso si, na proba teórica, un 62 % dos ourensáns saca o exame adiante, a sexta provincia do estado con mellores resultados.
"Non creo que os alumnos de Ourense nin os profesores sexan peores que os alumnos ou os profesores doutras cidades. Se un exame que é obxectivo como é o exame teórico, común para toda España, nós estamos nunha posición moi alta, non entendo o porqué no exame práctico estamos nunha posición tan baixa. E si que podemos engadir que como está o tráfico na cidade ás veces non axuda", apunta Laureano Bermejo, da Autoescola Campus Francisco de Ourense.
O tráfico na cidade e un alto nivel de esixencia dos exames deixan a Ourense cun elevado fracaso nas probas prácticas, uns datos que preocupan os propietarios das autoescolas. Con todo, din que a tendencia está a mellorar.
Tamén apuntan desde a Asociación Provincial de Autoescolas que manteñen xuntanzas periódicas coa Dirección Xeral de Tráfico para tratar este asunto.