Os piragüistas galegos chegan a París dispostos a ter unha boa colleita de medallas
Os piragüistas galegos chegan a París dispostos a ter unha boa colleita de medallas
O K4 masculino e feminino e o C2 feminino son os botes con máis opcións
A delegación galega de piragüismo, liderada por unha chea de deportistas galegos, xa se atopa en París. A partir da vindeira semana comezarán as competicións nunha especialidade que lle pode dar a Galicia un bo número de medallas.
O K4 masculino, con Rodrigo Germade e Carlos Arévalo, parte entre os grandes favoritos para facerse coa medalla de ouro. A súa rivalidade con Alemaña dura desde o anterior ciclo olímpico aínda que non poden perder a vista doutros países que están chegando con forza.
O K4 feminino, liderado por Teresa Portela e coa pontevedresa Carolina García ao seu carón, tamén aspira a ter un metal. Sería o colofón perfecto para os sétimos Xogos Olímpicos da padexeira de Aldán. No último mundial estiveron entre as mellores pero hai moita máis igualdade nos últimos resultados que no masculino.
Outra padexeira que agarda traer un metal é Antía Jácome. Dobra proba, no C2 500, a carón de María Corbera, e no C1 200 en solitario, proba na que foi diploma olímpico hai tres anos. Tamén estiveron entre as tres primeiras do mundo ao longo do ciclo e agardan cumprir os prognósticos.