Os partidos políticos galegos piden que se anule o veto á pesca de fondo
Os partidos políticos galegos piden que se anule o veto á pesca de fondo
Os voceiros parlamentarios mandaron cadansúa carta a representantes europeos
Os voceiros do tres grupos parlamentarios na Cámara galega, Pedro Puy (PPdeG), Ana Pontón (BNG) e Luís Álvarez (PSdeG) remitiron este martes tres cartas dirixidas a representantes europeos para que anulen o regulamento da Comisión Europea que cerra 87 zonas sensibles das augas comunitarias no Atlántico nordés á pesca de fondo.
As misivas foron remitidas ao comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, ao embaixador na Representación Permanente de España ante a Unión Europea e ao presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.
Nelas, os portavoces dos grupos parlamentarios trasladan e solicitan o cumprimento do acordo aprobado por unanimidade no pleno do Parlamento de Galicia o pasado 28 de setembro en defensa da frota pesqueira galega de arrastre de fondo.
Este acordo pon de manifesto a necesidade de “rectificar e anular o Regulamento da Comisión, do 15 de setembro de 2022, polo que se determinan as zonas de pesca e se establece unha lista de zonas nas que se coñece a existencia de ecosistemas mariños vulnerables ou a posibilidade de que existan”, por entender que este veto á pesca de fondo é especialmente lesivo para os intereses de Galicia.