Os pequenos empresarios pídenlle ao novo goberno que reduza a carga impositiva
Os pequenos empresarios pídenlle ao novo goberno que reduza a carga impositiva
A redución da presión tributaria, a revisión do SMI e a liberación de cargas burocráticas son algunhas das propostas que a CEPYME lles presentou aos grupos políticos do Congreso
Nunha entrevista na Radio Galega, o responsable de estudos da CEPYME, Diego Barceló, pídelle ao futuro goberno que reduza a carga impositiva, especialmente no imposto de sociedades
A patronal española da Pequena e Mediana Empresa, CEPYME, pídelle ao futuro goberno que lles reduza os impostos aos pequenos empresarios e que deteña a suba do salario mínimo interprofesional.
Nun documento que entregou aos grupos políticos do Congreso dos Deputados, CEPYME reivindica o papel protagonista do tecido empresarial como sostén do crecemento económico e axente fundamental para a xeración de emprego.
O director de estudos da CEPYME, Diego Barceló, dixo, nunha entrevista na Radio Galega, que a carga impositiva sobre as pequenas e medianas empresas está en máximos históricos.
"O imposto que tería máis repercusión no caso das pequenas e medianas empresas é o de sociedades, porque se reduces o imposto de sociedades inmediatamente melloras a rendibilidade esperada de todos os proxectos de investimento".
CEPYME pídelle aos grupos políticos que o novo goberno revise o salario mínimo interprofesional, porque segundo a CEPYME o salario medio de referencia para determinar o SMI é moi diferente en distintas provincias, sectores e tamaños de empresa.
"O salario mínimo subiu máis do 50 % nos últimos anos, e o que nós dicimos é que o nivel do SMI non pode estar desligado da produtividade. Con relación ao SMI, pareceríanos correcto quitalo da discusión política e deixalo en mans dos axentes sociais no marco do diálogo social".
Para Diego Barceló, a principal preocupación dos pequenos empresarios non é o proceso de formación do novo goberno senón as consecuencias da suba dos tipos de xuro, a inflación e a desaceleración da economía que se empezou a notar, asegura, desde finais do ano pasado.
"No día a día, as pequenas e medianas empresas están atopando restricións de crédito, aumento dos tipos de xuro, morosidade e dificultades para incrementar as vendas, que só subiron un 4 % nos últimos catro anos. O pequeno empresario ten máis preocupacións antes que a incerteza política".