Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pescadores senegaleses aprenden a mergullarse con dúas ONG galegas

Pescadores senegaleses aprenden a mergullarse con dúas ONG galegas

Ecodesarrollo Gaia e Solidariedade Galega envían especialistas en medicina subacuática

Os mariñeiros teñen que mergullarse para subsistir por mor da sobrepesca industrial

Ninguén os formara ata agora nunha actividade tan perigosa como o mergullo

G24.gal 11/06/2023 14:26 Última actualización 11/06/2023 16:22

A historia de Ecodesarrollo Gaia en colaboración con Solidariedade Galega é a parábola tantas veces contada sobre África de ensinar a pescar no canto de darlles o peixe. Estas ONG galegas enviaron dous médicos con coñecementos en actividade subacuáticas ao lugar de Yoff-Tonghor, no Senegal, para aprender os pescadores nativos a mergullarse sen perigo.

"O mergullo é unha actividade lucrativa moi importante para a súa economía, pero a particularidade do mergullo é que é perigosísima se non se sabe facer nada. E ninguén lles ensinou nada", asegura Salvador Fojón, un dos médicos especialistas en medicina subacuática que participan neste proxecto das ONG galegas.

Estes médicos, Salvador Fojón e Carlos García-Ramos, ofreceron un curso a trinta representantes do milleiro de pescadores desta zona preto de Dakar, para evitar accidentes no mergullo que poden desembocar en parálise e mesmo na morte.

O mergullo é un dos poucos recursos que teñen estes pescadores tradicionais para sobrevivir, tras a diminución de peixe na zona por mor da sobrepesca industrial.

"Dá gusto falar con eles. Esfórzanse, aprenden, entenden. Imos delimitando cales son os problemas do mergullo e como evitalos, como anticiparte a eles. O cursiño é un absoluto pracer", resume Salvador Fojón sobre a humildade e o interese con que os pescadores nativos reciben os seus consellos.

Para afianzar estes coñecementos os médicos traduciron o curso á lingua vernácula dos pescadores a través dun inmigrante que chegou a España nunha balsa e que agora é catedrático de lingua castelá no Senegal. Todo unha lección de vida e de solidariedade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade