Os principais acusados da Carioca evitan o cárcere grazas a un acordo coa Fiscalía
Os principais acusados da Carioca evitan o cárcere grazas a un acordo coa Fiscalía
A Fiscalía, que pedía máis de 500 anos de prisión, chegou a un acordo coas defensas
As penas impostas non engaden máis anos de prisión para o líder da trama e os outros dous non terán que ingresar no cárcere
Protestas ás portas da Audiencia Provincial de Lugo en contra da impunidade
O xuízo sobre unha parte da denominada operación Carioca, unha trama de prostitución en Lugo, concluíu con penas para dous proxenetas e unha muller supostamente colaboradora que non suporán ingreso en prisión nin engadirán máis tempo de condena para José Manuel García Adán, suposto xefe da organización.
A Fiscalía, que pedía un total duns 500 anos de cárcere para os tres procesados polos delitos investigados, chegou a un acordo coas demais acusacións e coa defensa dos tres imputados para unha notable rebaixa nas penas.
A citada operación é unha das macrocausas instruídas pola xuíza Pilar de Lara cando estaba á fronte do Xulgado de Instrución 1 de Lugo.
De Lara, instrutora tamén de causas como a do caso Pokemon, foi apartada do xulgado polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) por unha "falta moi grave de desatención no exercicio das competencias xudiciais".
A avogada Esther Amado, defensora de García Adán, cualificou de "satisfactorio" o acordo alcanzado coa Fiscalía porque, dixo, "xa cumpre a pena máxima" e non vai supoñer tempo "engadido" en prisión.
García Adán cumpre condena nun cárcere de León por obrigar a abortar a unha das mulleres que traballaba nun club da súa propiedade no que exercía a prostitución.
O presunto xefe da trama, que interveu desde a prisión por videoconferencia, recoñeceu as acusacións de prostitución coactiva, tenza ilícita de armas, ameazas e atentados contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros, contra os dereitos dos traballadores e contra a saúde pública.
Amado precisou que eses delitos "suman seis anos de condena", pero só lle quedarían "dous anos por cumprir, porque estivo catro en prisión preventiva". Ao estar a cumprir a pena máxima por outra condena, iso "non lle vai afectar", apuntou a letrada.
No caso de José Manuel Pulleiro, o seu avogado, Cándido Conde Pumpido, precisou que este acordo global para todos os acusados implica que o seu cliente non terá que volver a prisión "porque xa tería cumprido o límite máximo".
De feito, precisou que "acepta menos dos tres anos e sete meses que xa levaba cumpridos".
En canto á acusada de captar mulleres en situación vulnerable no Brasil, a súa investigación queda suspendida, de modo que tampouco tería que ingresar en prisión.
"Para todos é un alivio evitar o xuízo, dado o volume que alcanzara a causa" instruída pola xuíza De Lara, indicou Conde Pumpido. "Ninguén, nin as acusacións nin as defensas, tiñamos ganas de celebralo. Ademais, había toda unha serie de nulidades que pendían sobre o procedemento e que, desta forma, tamén quedan salvadas para as acusacións e para a Fiscalía para outras pezas", engadiu.
"É unha instrución que alcanzou un volume maior que calquera outra causa do sistema xudicial español", observou o letrado, e xustificou que "cando as causas alcanzan este volume convértense en inmanexables".
Contra a impunidade
Un grupo de mulleres da Plataforma contra a Impunidade na Operación Carioca concentráronse esta mañá ás portas da Audiencia Provincial de Lugo para expresar o seu rexeitamento ao acordo alcanzado por Fiscalía e defensa.
Detrás dunha pancarta na que se podía ler o lema "Lugo Patrimonio da Impunidade", berraron consignas como "Non vos esquecemos" ou "Nin xustiza nin reparación, Fiscalía Corrupción".
Mónica González, da Plataforma contra a Impunidade na operación Carioca, dixo que están "indignadas, non só co acordo, senón tamén coas indignantes decisións que tomou a Fiscalía durante todo o proceso, porque promoveu a impunidade e reduciu á mínima expresión delitos moi importantes dunha rede de tráfico", coma se realmente fosen "feitos puntuais".
"Nós preguntámonos en base a que se fai este acordo. Os delitos son moitos e moi graves. A nós o que nos parece é que a voz e a historia de certas mulleres non importan e que a xustiza non lles vai dar reparación nin ningún tipo de restauración nos seus dereitos", engadiu.
De feito, dixo que parece "incrible que, recoñecendo os feitos, os imputados" permanezan "en total impunidade" e salven a situación "sen ningún tipo de sanción, nin económica, nin xudicial, nin social".
Denuncian que "se normalice a violencia extrema contra as mulleres"
Desde o seu punto de vista, 2é moi preocupante a mensaxe que se está trasladando, porque se está normalizando esta violencia extrema contra as mulleres e xerando a impunidade por parte dos imputados".
"Nós imos seguir insistindo en todas as institucións e espazos para que se visibilice esta causa e se faga unha condena sobre a actuación xudicial. Tamén para que se visibilicen as mulleres valentes que destaparon toda esta rede e, ao final, vense sen xustiza nin reparación nas súas vidas", engadiu.
A portavoz da plataforma lembrou que "máis de 400 mulleres declararon en sede xudicial" e todas "repetiron as mesmas historias de terror, unha e outra vez, cos mesmos implicados e as mesmas tácticas".
"Parécenos incrible que, a pesar de toda esta violencia e todos estes delitos, ademais pola actuación dunha entidade da xustiza, o sistema lles falle e queden sen dereitos", concluíu.