Os produtores de aceite de Quiroga prevén outra colleita escasa
Os produtores de aceite de Quiroga prevén outra colleita escasa
Achacan a baixada, de ata o 50 por cento, ao mal tempo durante a floración
A seca na primavera e o mal tempo durante a floración afectarán a produción das oliveiras de Quiroga. Como resultado destas inclemencias meteorolóxicas, os produtores prevén unha baixada de entre o 30 e o 50 por cento na colleita de aceite.
Manuel Mondelo, produtor de aceite de Quiroga: "A flor é moi sensible. Un pouquiño de aire, néboa ou auga xa tira con ela. Cando tiña que vir o bo tempo para se agarrara e saíra a oliva, veunos a auga e o frío. O 40 por cento da produción fóisenos xa".
Este será o segundo ano consecutivo cunha colleita escasa de aceite de Quiroga. A produción que se agarda será duns 25.000 litros, ao igual ca en 2022, fronte aos 40.000 de 2021.
Manuel Mondelo, produtor de aceite de Quiroga: "No 21 foi normal, pero no 22 xa foi exactamente igual ca esta. Unhas oliveiras estaban ao tope, outras non tiñan nada e outras a medias. É unha cousa moi rara que nos fixo o tempo e mais o clima".
Así e todo, espérase unha colleita dunha calidade excepcional deste ouro líquido de Quiroga.