Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os robots camareiros xa están en Galicia

Os robots camareiros xa están en Galicia

Ante a carestía da man de obra, os restaurantes recorren aos servizos dos autómatas

As máquinas sérvenlle de ferramenta de ao persoal, xa que axudan portando pedidos

Robot camareiro dun restaurante de Lugo
Félix Aragunde 18/06/2024 19:24 Última actualización 18/06/2024 20:22

Primeiro chegaron os robots de cociña, e agora xa están aquí os camareiros programados para servir pedidos. Varios restaurantes galegos comezaron este ano a traballar con autómatas para suplir unha man de obra cada vez máis cara.

Entre os locais que decidiron recorrer aos servizos dos robots de sala encóntrase este restaurante italiano de Lugo. Evidentemente, a máquina non chega a substituír os humanos, pero non por iso deixa de botar unha man e de aliviar a carga de traballo nas horas punta.

Diego Díaz, encargado do restaurante: "Á hora de aforrar viaxes e administrar mellor os tempos, dáche moita axuda, mais sen ese labor social ou esa proximidade co cliente de calquera camareiro humano".

Tamén é certo que o custo do robot é moito menor que o dun traballador, posto que se pode adquirir por 6.000 euros e mesmo se pode arrendar cada mes, de ser preciso. Para sortear os obstáculos, está dotado de sensores e de cámaras.

Diego Díaz, encargado do restaurante: "Cárgalo na zona de carga, mándalo onde queiras, chega alí, dá a mensaxe de que xa recibiu o seu pedido, revírase e despois chega o camareiro pasar os pratos ou as bebidas".

Por se fose pouco, este modelo en particular fala, e incluso dá os parabéns cantando, malia que polo momento aínda non o fai en galego. Como camareiro autómata, pode portar 30 quilos de peso en tres bandexas e ten unha autonomía de ata doce horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade