Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os romeiros ateigan Santo Ourente para pedirlle protección ao san Campio

Os romeiros ateigan Santo Ourente para pedirlle protección ao san Campio

A orixe desta romaría en Outes remóntase a finais do século XVIII

Coñécese tamén como a romaría "do mal cativo", porque a tradición era pedir protección para as enfermidades mentais

G24.gal 29/09/2023 14:28

Os devotos de san Campio teñen o 29 de setembro reservado no calendario. "Esta é a romaría máis importante da comarca", afirma José Ortoño, párroco de Noia. Conta que hai uns anos, cando o servizo militar era obrigatorio, "viñan os rapaces que ían á mili".  "Tamén veñen pedir por enfermidades de tipo nervioso", engade. 

Por iso tamén se coñece como a romaría do "mal cativo". Pero contan os romeiros que, para quitalo, non abonda con asistir á misa e pasar despois tras do altar visitar o san Campio. Hai que completar o ritual na capela da Virxe do Rial. "Se vimos a San Campio e non imos á nosa señora de Rial, imos co mesmo mal", explica unha romeira. 

Así que na capela da Virxe do Rial había que agardar quenda. Primeiro, visitan a fonte da ermida para lavarse coa súa auga. "Lávase a cara e límpase co pano", detalla unha romeira. Despois, o pano déixase a secar e din que cando "vai secando, os males vanse acabando". 

Cos panos ao clareo para ver se cumpre, visitan a Virxe, e non marchan sen darlle nove voltas ao cruceiro da capela. Hai seis misas ao longo do día para que todos poidan cumprir coa cerimonia.

Veñen romeiros de toda Galicia, que converten esta cita nunha das máis concorridas da comarca. "É das máis potentes", afirma Paco Alborés, secretario da asociación Xente de Santo Ourente. Para el, comparte podio coa Santa Minia en Brión e a romaría da Barca en Muxía. 

"Polo día veñen os romeiros comer o polbo, e pola noite é máis para a xuventude", conta Alborés, que formou parte da organización da verbena que pechará as festas do San Campio en Ourente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade