Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os salesianos de Alepo din que cada vez hai máis persoas á procura de refuxio

Os salesianos de Alepo din que cada vez hai máis persoas á procura de refuxio

Os equipos de rescate continúan traballando nos barrios periféricos da cidade siria, mentres o centro recupera a actividade cotiá nunha situación de extrema necesidade

Nunha entrevista na Radio Galega, o responsable da congregación salesiana en Oriente Medio e director da Casa de Alepo, Alejandro León, constata como día a día aumentan as persoas que se achegan buscando axuda

G24.gal 09/02/2023 10:02

Máis de 500 persoas pasaron a noite e a madrugada deste xoves, 9 de xaneiro, no centro que a comunidade salesiana ten en Alepo, unha cidade de máis de catro millóns e medio de habitantes e un dos lugares máis afectados polos terremotos ocorridos en Siria e Turquía.

O director do centro, o sacerdote Alejandro León, cotou na Radio Galega que a cifra de persoas que procuran abrigo é cada vez maior. 

"Na casa estamos acollendo os refuxiados, a xente que quedou sen fogar. A primeira noite foron 300 persoas; a segunda foron 420, e a pasada noite durmiron 500 persoas aquí. A xente está decatándose do inseguras que son as casas. A situación estase agravando e están procurando refuxio", asegura Alejandro León.

O director do centro salesiano de Alepo insiste en que os terremotos se suman á sucesión de catástrofes causadas pola guerra

"As estruturas xa estaban débiles despois de doce anos de guerra e de recibir varios impactos de mísiles e bombas. E tamén os ánimos das persoas. Foron doce anos moi terribles e agora esta última traxedia con moitos edificios que caeron. Moita xente está durmindo nos coches. Moito medo e incerteza polo futuro", relata.

O sacerdote salesiano asegura que a peor situación está nos barrios periféricos da cidade, onde aínda traballan os equipos de rescate.

"Aquí no centro de Alepo as cousas fóronse máis ou menos arranxando. Nas zonas máis periféricas aínda están tratando de facer todo o que se pode. Obviamente, a medida que o tempo vai pasando a esperanza de recuperar xente cada vez é menor".

Desde o centro salesiano de Alepo piden axuda para atender ao número cada vez maior de persoas que quedaron sen fogar despois dos tremores. 

"Sabemos que hai un movemento de solidariedade. No caso de España, para nós sería importante calquera colaboración a través da páxina web de Misións Salesianas. Unha axuda que agradecemos de corazón por pequena que sexa", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar