Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os sindicatos de Ryanair anuncian doce días máis de folga no mes de xullo

Os sindicatos de Ryanair anuncian doce días máis de folga no mes de xullo

Convocan paros para o 12, 13, 14, 15, 18, 19, 20, 21, 25, 26, 27 e 28 

En Santiago, a conexión a Marsella non saíu e houbo atrasos en varios voos

G24.gal 02/07/2022 14:25 Última actualización 03/07/2022 08:33

Os sindicatos de Ryanair convocaron doce xornadas máis de folga para tripulantes de cabina durante o mes de xullo, tras as seis que levaron a cabo e finalizaban este sábado.

Nun comunicado, os sindicatos convocantes (USO e Sitcpla) anuncian novos paros para os días 12, 13, 14, 15, 18, 19, 20, 21, 25, 26, 27 e 28 de xullo nos dez aeroportos españois nos que opera a compañía.

Reclaman "un cambio de actitude" para que a empresa volva retomar a negociación dun convenio colectivo "que recolla unhas condicións laborais dignas e baixo a lexislación española para os seus traballadores".

Esíxenlle ao Goberno e, concretamente, á ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, "que non permita que Ryanair vulnere a lexislación laboral e dereitos constitucionais como o dereito á folga".

"Que actúe contra unha empresa que non acata as sentenzas xudiciais, non cumpre coa lei e utiliza o medo, a coacción e a ameaza cos seus empregados".

En toda España este sábado canceláronse 16 voos por mor da folga de Ryanair e outros 9 polo paro en EASYJET. Amais, preto de 200 conexións sufriron atrasos.

Un total de 215 voos cancelados e máis de 1.200 atrasos é o balance que fan os sindicatos das seis xornadas de folga que lles tocou capear aos pasaxeiros en plena operación saída das vacacións do verán. 

Consecuencias en Galicia

Fernando viuse obrigado a alargar as vacacións en Galicia a causa da folga de Ryanair. Canceláronlle o voo do xoves a Palma de Mallorca hoxe intenta de novo chegar á casa.

"Rematabámolas antonte, pero quedei en terra porque Ryanair cancelou o voo. Agora, dous días máis tarde, pillei con Vueling a ver se podo ir a casa", conta.

Pagou 225 euros polos novos billetes e perdeu dúas xornadas de traballo pero marcha de Santiago sen que a aeroliña lle acepte unha reclamación.

"Só recollen as reclamacións online pero eu intenteino varias veces e non hai maneira de facelo, así que presentareina a través da Axencia Estatal de Seguridade Aérea", asegura.

Moira tamén quedou en terra o venres. Este sábado confía en chegar a Málaga sen problema.

"A solución foi reprogramarme un para hoxe e pasei a noite nun hotel pagado pola aeroliña Ryanair", explica.

Atrasos e cancelacións

No aeroporto de Santiago a saída dos voos a Milán e a Málaga atrasaron máis dunha hora e a demora da conexión con Tenerife superou a media hora.  Por mor da folga, Ryanair cancelou o voo a Marsella. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar