Os socios de coalición tentan pechar a polémica arredor das macrogranxas
Os socios de coalición tentan pechar a polémica arredor das macrogranxas
A ministra para a Transición Ecolóxica non ve motivos para cesar a Alberto Garzón
O ministro de Consumo, Alberto Garzón, reuniuse este xoves na sede do ministerio con representantes da Unión de Pequenos Agricultures e Gandeiros. O titular de Consumo quere pechar así unha polémica que dura xa dez días e que causou malestar tanto no sector cárnico como dentro do Goberno.
Garzón evita criticar os socios do PSOE por desautorizalo en público. "Creo que cando se fala do que si dixen, no Goberno hai consenso; cando se fala do que non dixen, estamos entrando no marco de quen a isto lle pode sacar un rédito", asegurou nunha entrevista para o programa de radio Carne Cruda. Advírtelle tamén aos socialistas de que "no momento en que lle compras o marco, estás derrotado".
A outra pata do executivo tamén quere dar por pechada a crise. Héctor Gómez, voceiro do PSOE no Congreso, asegura que "en absoluto hai ningún tipo de tensión e calquera disfunción corríxeo no seo do Goberno sen máis".
Tamén se pronunciou sobre o asunto Nadia Calviño , quen pediu "deixar atrás" a polemica toda vez que "xa se aclarou a posición do goberno". Para a vicepresidenta primeira e ministra de Economía "está absolutamente claro que este é un Goberno comprometido co apoio ao sector agroalimentario".
A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, tamén asegurou que non hai "un motivo para cesar ou para dimitir" Alberto Garzón.
Dende o PP cren que a polémica demostra a división dentro do Goberno. Para Pablo Casado, "temos o presidente máis débil da democracia, non manda. É moi grave que nun goberno non sexas capaz de cesar nin aos teus ministros.
Aquí non hai punto intermedio nin grises, se estás en desacordo e ves moi lamentables as declaracións dun ministro, césalo e asumes responsabilidades ou directamente suprimes un ministerio que non vale para nada".