Os taxistas de Vigo levan os maiores das residencias ver as luces de Nadal
Os taxistas de Vigo levan os maiores das residencias ver as luces de Nadal
Retoman a iniciativa solidaria que deixou de facerse na pandemia
Uns 35 taxis levaron os maiores de 15 residencias e centros de día de Vigo ao centro da cidade e percorrer as rúas
Un ano máis, os usuarios de residencias de maiores, centros de día, nenos das unidades oncolóxicas e persoas con mobilidade reducida tiveron a oportunidade de facer un percorrido para ver as luces de Nadal de Vigo. Foron preto de duascentas persoas que grazas á iniciativa desinteresada da Central Radiotaxi puideron achegarse ao centro e gozar de algo que doutro xeito sería para eles case imposible.
Emoción e nervios nas residencias á espera da chegada dos taxistas reconvertidos en embaixadores do espírito do Nadal. Segundo Carla Montenegro, animadora do centro Ballesol,
'Vigo é a súa cidade, están emocionados por poder ver as luces, todos en grupo, que son como unha familia e connosco, os que os coidamos, a verdade é que están emocionados e paréceme unha iniciativa moi interesante por parte dos taxistas e estamos moi contentos'.
Unha iniciativa que tivo que suspenderse os anos da pandemia pero que volveu con forza por parte dun colectivo que goza case tanto como os maiores. Emilio Mosquera, presidente de Central Radio Taxi, conta que participaron 35 vehículos para trasladar unhas 200 persoas, entre acompañantes e residentes de 15 centos de maiores de Vigo. Camiño da árbore de Nadal, unha marea de bufandas vermellas, agasallo dos taxistas, que tamén se emocionan un día coma hoxe.
Para os taxistas é unha experiencia moi gratificante. "É unha satisfacción ver a felicidade deles. E cando pasas por unha rúa eles coméntanche que vivían ou traballaban alí... É moi satisfactorio para eles, e para nos tamén. É unha forma de amosarlles tamén a nosa gratitude", din dous taxistas de Vigo.
Entrada e pase preferente na árbore de Nadal, que nesta ocasión é só para eles. Fóra, a multitude agarda respectuosamente a súa quenda mentres os maiores gozan da iluminación e a festa. Tras as fotos, os taxistas levaron a todos de ruta polas rúas que tantas veces percorreron nas súas vidas, pero desta vez con luces de Nadal.