Os traballadores da recollida do lixo desconvocan a folga na Coruña tras mes e medio
Os traballadores da recollida do lixo desconvocan a folga na Coruña tras mes e medio
A decisión tomouse en asemblea por 49 votos a favor e 28 en contra
Os traballadores da empresa de recollida do lixo da Coruña acordaron este xoves á tarde desconvocar a folga que mantiñan desde hai mes e medio.
A decisión tomouse nunha asemblea por 49 votos a favor e 28 en contra e estaba previsto que xa esta noite se realizase con normalidade.
Desde o Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL) aseguran que o conflito colectivo que teñen coa empresa concesionaria, Prezero, acabará solucionándose nos tribunais. Lamentan desde o sindicato a escasa afluencia de traballadores á asemblea na que se tomou a decisión de desconvocar á folga e que achacaron "ás presións" exercidas sobre o colectivo e sinalaron directamente o Concello da Coruña.
O persoal do servizo de recollida de lixo estaba en folga desde o 24 de xuño, tras o San Xoán. Non obstante, a folga realmente non estaba a ser tal, xa que ningún traballador secundaba os paros, pero o servizo non se presta con normalidade.
Iso levou ao Concello da Coruña a declarar a emerxencia sanitaria.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informou este mércores de que a situación da recollida de lixo na cidade estaba "case normalizada" tras a retirada de 935 toneladas de residuos por parte da empresa Valoriza, contratada de emerxencia.
A folga deixa ademais 160 contedores queimados, o que supón un custo de 400.000 euros, segundo cálculos do Concello.