O Goberno di que fará todo o posible para que non haxa paro do transporte
O Goberno di que fará todo o posible para que non haxa paro do transporte
Os transportistas denuncian incumprimentos da lei de custos e acusan ao Goberno de pasividade
A ministra admite "desaxustes" pero reivindica as melloras no sector
Os transportistas asociados na Plataforma Nacional en Defensa do Sector do Transporte decidiron convocar un novo paro indefinido desde luns ás 00:00 horas para protestar polo incumprimento por parte dos cargadores da lei de custos, que prohibe traballar a perdas.
A Plataforma Nacional en Defensa do Sector do Transporte anunciou este luns nunha conferencia de prensa os resultados das votacións das asembleas provinciais, que, cun 86 % dos votos, acordaron secundar a iniciativa.
A Lei de custos, no foco
Manuel Hernández, voceiro da Plataforma explica que "sete meses despois volvémonos atopar na situación de que non se respecta o prezo de custo ao transportista e están baixando os prezos do transporte cando os consumidores cada vez pagamos máis por todos os produtos".
A lei de custos entrou en vigor en agosto. Desde a Plataforma acusan varias empresas cargadoras de incumprila e o Goberno de pasividade: "Denunciamos seis grandes operadores de transporte e, despois de mes e medio, non temos noticia de que abrisen ningún tipo de expediente", dixo Hernández.
O sector en Galicia non contempla o paro
O secretario xeral da Federación Galega de Transportes de Mercadorías, Carlos García Cumplido, asegurou a EFE que ningunha das asociacións de transportistas galegos apoia o paro. “Non hai ningunha asociación galega que apoie o paro. Non temos nin idea de que vai esta historia”, concluíu.
Preocupación do Goberno
A ministra de Transportes, Raquel Sánchez, insistiu este luns en que o Goberno fará "todo o posible" para evitar que se produzan os paros no transporte de mercadorías por estrada anunciados este luns para a fin de semana.
Durante a súa intervención nun coloquio organizado polo Club Século XXI, Sánchez asegurou que o seu Ministerio xa está a traballar con Interior para protexer aos transportistas que queiran traballar eses días e evitar escenas de violencia como as ocorridas o pasado marzo.
O Goberno cumpriu os compromisos alcanzados co sector despois dos últimos paros, como a aprobación o pasado verán do Real Decreto para que non traballasen a perdas, pero hai que dar unha marxe para que a norma "despregue os seus efectos", dixo.
E se se incumpre a norma, como denuncia a asociación de transportistas que convocou o paro, a Plataforma Nacional en Defensa do Sector do Transporte, "que o denuncien", dixo Sánchez.
Tamén anunciou que o Goberno solicitará "mañá ou pasado" o terceiro desembolso dos fondos europeos adxudicados a España e descartou que a Comisión Europea sacara as cores ao Goberno.
Ao contrario, dixo, Bruxelas recoñeceu que España é dos países "máis avanzados" no cumprimento das metas establecidas no plan de recuperación e "se non fóra así, non recibiriamos os dous primeiros desembolsos".
"Completaremos todas as transferencias en 2023", dixo Sánchez, que lembrou que "agora entramos na fase de execución dos fondos" e hai que "unir esforzos".
Pola súa banda no PP agardan que desta volta o Goberno ofreza solucións porque do contrario, din, o país volverá sufrir as consecuencias.
A Plataforma está disposta a desconvocar o paro se nesta semana se introducen na lei cambios para garantir que non traballen a perdas. A principal patronal do sector non apoia a protesta.