O sector do transporte pide subir a bonificación do litro de gasóleo 10 céntimos
O sector do transporte pide subir a bonificación do litro de gasóleo 10 céntimos
Consideran que o prezo dos combustibles pon moitas das súas empresas nunha situación complexa
Os prezos da gasolina e do gasóleo veñen aumentando desde o verán. Os transportistas cren que esas subas poden comprometer a viabilidade de moitas empresas e pídenlle ao Goberno que volva aumentar de 10 a 20 céntimos as bonificacións dos combustibles para o sector.
Os transportistas consideran que o prezo dos combustibles pon moitas das súas empresas nunha situación complexa. Iso nun momento en que se moven menos mercadorías desde finais do mes de agosto.
"Estamos cos mesmos prezos que en marzo do ano 22. Hoxe pola mañá, nas gasolineiras da zona urbana de Santiago, o gasóleo estaba a 1,86, practicamente o mesmo prezo de marzo", asegura José Carlos García Cumplido, secretario xeral de Fegatramer.
Cre que os problemas para as empresas máis pequenas poden chegar dentro duns meses. As subas de prezos acumuladas nos últimos dous anos non afectaron só aos combustibles. O custo dos vehículos disparouse e, por iso, consideran imprescindible que o Goberno volva aumentar de 10 a 20 céntimos a bonificación do litro de gasóleo.
"Cando se adoptou a medida xa se tiña falado de acompasar a intensidade da bonificación, de 20 ou de 10 (céntimos), en función da caída que se prevía do prezo do gasóleo, como foi no segundo trimestre, pero agora é necesario volver a esa bonificación de 20 céntimos".
Outro problema é a falta de condutores profesionais, polo que reclaman cambios estruturais no modelo económico.