Os trens turísticos de Galicia ofrecen dez rutas distintas ao longo do verán
Os trens turísticos de Galicia ofrecen dez rutas distintas ao longo do verán
76 persoas gozan este sábado da ruta das Mariñas
Hai rutas de faros, de mosteiros, de xardíns ou mesmo gastronómicos
Ás nove da mañá chegou á estación de tren de Betanzos, procedente da Coruña, o primeiro tren da Ruta das Mariñas da temporada. A zona vella desta capital do antigo Reino de Galicia é o punto de inicio dun día turístico para os seus 76 viaxeiros.
"É a primeira excursión que facemos co tren turístico e realmente estou moi apaixonado de coñecer un pouco a historia de Galicia", dicía un dos visitantes.
"Gústame por non conducir. Alugar un coche e ter que aparcalo, sábeme mal; e prefiro facelo con guía porque sempre te axuda a coñecer máis", opinaba outro.
Os viaxeiros ían parar logo en Paderne, nas únicas plantacións de té de Europa; pasear por Pontedeume; gozar da Ría de Ferrol en barco; e percorrer o centro histórico ferrolán. Aínda que para chegar a algúns dos puntos hai que botar man do autobús, o tren é o fío condutor destas rutas e ofrece unha perspectiva diferente.
"Por exemplo nesta ruta das Mariñas é moi bonito o percorrido porque pasamos case todo o tempo bordeando a ría da Coruña, a ría de Betanzos, a ría de Ferrol e as vistas son moi chulas", explicaba o guía Joaquín Fernández Travieso.
Os participantes destacan o variado da viaxe, o valor cultural e o prezo entre as bondades da experiencia.
"Diverso porque temos o tren, temos o bus, as camiñadas para facer os percorridos", puntualizaba unha muller.
"Aínda que sexas de aquí, a non ser que sexas de aquí mesmo, non sabes quen fixo a arquitectura nin nada, e daquela vas aprendendo. Destas cousas apréndese", aseguraba un home.
"E á parte que o prezo está tamén moi interesante, porque pasar todo o día por aí por 45 € e que te leven e te traian", afirmaba outra muller.
Esta ruta volverá saír o 17 de agosto pero ao longo do verán van estar en marcha outras dez rutas diferentes para descubrir desde faros e acantilados, ata pazos e mosteiros ou para gozar da gastronomía galega, sempre co tren como nexo da viaxe.