Os tres acusados polo crime de Toques decláranse inocentes
Os tres acusados polo crime de Toques decláranse inocentes
O curmán dos outros dous procesados di que lles colleu medo despois dos feitos
Os dous irmáns acusados de matar un veciño seu, de 59 anos, e posteriormente queimalo nun monte de Toques, responderon só ás preguntas dos seus avogados.
Alegaron que o día de autos non viran a vítima e que esa tarde estiveron nunha leira coas súas vacas, malia que non xuntos.
O seu curmán relatou os feitos doutro xeito ben distinto. Di que un dos acusados chamouno para que fose á súa casa e, unha vez alí, o outro investigado meteulle no maleteiro do coche unha garrafa con gasolina. A continuación, o que o chamou, guiouno ata o monte, xusto á pista onde estaba o vehículo e o cadáver da vítima.
"Alí Marcial me dixo que acababa de matar a Julio e despois prendeulle lume ao coche. Eu estiven presente, pero non toquei nada en ningún momento", di Luis Carreira, acusado de encubrimento.
Os tres investigados declaráronse inocentes. Porén a Fiscalía pide 18 anos de cadea para cada un dos dous irmáns e seis anos para o terceiro procesado. As defensas solicitan a libre absolución alegando que non hai probas obxectivas.
Este xoves as partes lerán as súas conclusións finais e xa o luns faráselle entrega do obxecto do veredicto aos membros do xurado popular para que se retiren a deliberar.