Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os turistas aprenden a vendimar no Ribeiro

Os turistas aprenden a vendimar no Ribeiro

Coincidindo co remate da colleita, a cooperativa Viña Costeira celebrou un picnic de vendima

Os turistas visitaron a adega do pazo de Toubes e vendimaron coas súas propias mans

G24.gal 17/09/2023 19:40 Última actualización 17/09/2023 20:20

Coincidindo co remate da vendima, a cooperativa Viña Costeira do Ribeiro organiza unha actividade especial, para achegar a experiencia da colleita da uva a un público profano na materia.

Unha trintena de persoas, a maioría galegos, pero tamén doutras comunidades e mesmo un grupo de mexicanos que están facendo o Camiño de Santiago participan nesta actividade. Chámase picnic de vendima e realízase no pazo de Toubes, o buque insignia da cooperativa.

Primeiro fálanlles sobre a denominación de orixe Ribeiro, a máis antiga de Galicia e das máis antigas de España, e despois experimentan a vendima coas súas propias mans: collen unhas tesoiras e cortan eles mesmos os acios. Unha experiencia que moitos comparten en familia.

O pazo de Toubes recibiu os visitantes coa copa nunha man, e as tesoiras na outra.

"Eu pensei que só viñamos probar os viños e resulta que tamén imos vendimar, así que estamos moi felices de estar aquí", comenta unha mexicana que participa na experiencia.

É unha actividade que só se fai un día no ano: o día en que a cooperativa do Ribeiro dá por concluída a colleita.

"Explicámoslles a cor, a folla, a forma da uva, tonalidades, olores, aromas...", detalla Fátima Nóvoa, responsable de enoturismo de Viña Costeira

Ademais de colleitaren os acios, tamén lles explican como distinguir as castes e as propiedades de cada unha. Aquí producen tres variedades autóctonas: loureiro, albariño e a xoia da coroa do Ribeiro, a treixadura.

A experiencia inclúe, ademais, unha cata comentada na antiga adega do pazo, un edificio do século XVIII situado moi preto do mosteiro de San Clodio, corazón do Ribeiro e impulsor da peregrinaxe dos seus viños cara ao resto de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade