Os últimos ocupantes abandonan o narcopiso de Monte Alto ante a presión veciñal
Os últimos ocupantes abandonan o narcopiso de Monte Alto ante a presión veciñal
A policía custodia a vivenda, á espera dunha orde xudicial que permita tapiar os accesos
Despois de horas de presión veciñal todos os ocupantes dun narcopiso, situado no barrio coruñés de Monte Alto, abandonaron a vivenda. Segundo asegura a Policía Nacional, nestes momentos xa non queda ninguén no interior.
As forzas de seguridade custodian o inmoble. Varias patrullas policiais permanecen na zona para evitar novos incidentes e que os ocupantes poidan regresar. Mentres tanto, agardan unha orde xudicial que lles diga que facer coa vivenda, tras unha solicitude para tapiar os accesos coa intención de evitar unha nova ocupación.
A situación xa de por si tensa no barrio debido á inseguridade que xeraba este narcopiso, complicouse máis aínda este martes á tarde. O que inicialmente era unha concentración de protesta, á que moitos veciños acudiran con potas tratando de chamar a atención sobre este problema, rematou con incidentes cando algúns dos participantes trataron de acceder ao inmoble e derrubar a porta de entrada.
A protesta comezara na praza de San Xosé e continuaba con esa cacharrada ata ás portas desa vivenda situada na rúa Washington, onde denunciaban que se vendía e se consumía droga.
Nese momento, vivíronse momentos de tensión cando algúns dos participantes comezaron a golpear a porta. Ao lugar, desprazáronse varios axentes que fixeron un cordón policial para protexer a zona e evitar máis incidentes.
María, veciña do barrio, aseguraba este mércores no Bos días da Televisión de Galicia, que "os veciños estamos cansos da situación, con roubos a nenos, persoas maiores, nos negocios... Así que algo temos que facer".
"Fixemos o que cremos que tiñamos que facer", di María: "Foi unha tarde intensa, en que se viviron momentos moi acalorados. Nós somos persoas pacíficas, que o que queremos é vivir tranquilas".
Juan, tamén veciño de Monte Alto, di que "o que vale é que marcharon". Con todo, asume que para eles é só unha pequena vitoria porque "nunhas horas ocupan outro, pero polo menos sacámolos de aquí. Entre todos os veciños conseguímolo".
"Se algo levamos mal é que atraquen nenos ou persoas maiores. Se iso pasa ímonos botar todos enriba, e onte demostrouse. Conseguímolo", explica Juan.
"A droga haina desde hai moito tempo, non é unha cousa nova. Neste barrio sempre convivimos con ela. O que non conviviamos era cos roubos nin coa delincuencia", conclúe María.
Juan tamén abunda nesa idea: "Isto pasa en todo o mundo, pero aquí fíxose insostible".
Ademais de roubos, denuncian ameazas e reclaman que se incremente a presenza policial e as operacións para o desmantelamento destes puntos de venda de droga.
A Delegación do Goberno fai unha chamada á tranquilidade
A subdelegada do Goberno, María Rivas, chamou este mércores "á tranquilidade, á convivencia e ao respecto".
"Imaxes como as de onte non se deben repetir", declarou. Detallou que comparte as "preocupacións" dos veciños e, nese sentido, xa estivo "en varias ocasións no barrio con mandos da Policía Nacional con conversacións" con eles.
"A Policía Nacional traballa as 24 horas do día e os 365 días do ano alá onde se lles necesita. Cando detectamos que hai unha situación particular o primeiro que facemos é falar con eles, poñernos á súa disposición e tratar de establecer canles de traballo conxunto", continuou.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asegurou noutro acto que o Concello non ten competencias neste ámbito aínda que colabora no que se lle require desde a Subdelegación do Goberno.
En todo caso, engadiu que está pendente das cuestións que inquietan aos veciños para solucionalas e realizou un chamamento á calma.