Os usuarios da bicicleta non empregan o carril bici de Samil polo risco de accidentes
Os usuarios da bicicleta non empregan o carril bici de Samil polo risco de accidentes
O proxecto inicial dun carril exclusivo para bicis non foi viable e pintaron liñas vermellas e limitaron a velocidade noutro existente
Os usuarios denuncian a velocidade excesiva e fala de respecto dos condutores
Ir en bici á praia de Samil é un perigo, segundo os ciclistas. Malia o proxecto inicial de facer un carril exclusivo para que ciclistas e paseantes puideran chegar tranquilamente ao areal, iso non foi posible.
Os usuarios xogan a vida se queren achegarse á praia de Samil pola falla do carril bici planeado no 2017 na avenida de Europa. Había que expropiar moitas parcelas que cobran alugueiros polos valos publicitarios e outras que teñen hortas e galiñas.
A alternativa foi pintar de vermello un carril de circulación normal e limitar a velocidade e trinta quilómetros por hora. Poucos o respectan, e os accidentes están á orde do día.
Os usuarios do carril sinalizado para xente que vai en bicicleta ou patinete denuncian a velocidade excesiva e a falta de respecto dos condutores. Como di unha nai que circula pola beirarrúa cos fillos en patinete, "para os nenos é un perigo porque non podes circular, os coches non respectan o espazo, ata os volcáns moi ben pero a partir de aquí, ata Samil, é totalmente inviable ir cun neno polo carril bici. Non hai separacións, os coches métenseche, e é un perigo moi grande, non me arrisco".
Varios centros escolares e institutos da contorna podíanse beneficiar da posibilidade de circular en bicicleta, pero resulta perigoso e poucos optan por facelo. Os coches circulan moi por riba dos trinta quilómetros por hora permitidos, e para moitos é xogar o tipo.
Agrupacións como Vigo Ciclabel denuncia o aumento dos accidentes e o perigo de que bicis, patinetes ou coches circulen polos mesmos carrís. Carrís que agora só utilizan os máis intrépidos, porque a maior parte dos ciclistas optan por circular polas beirarrúas.