Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os últimos golpes aos narcos vinculados a Galicia levaron a comisar 19 toneladas de cocaína

Os últimos golpes aos narcos vinculados a Galicia levaron a comisar 19 toneladas de cocaína

Os 7.500 quilos interceptados con destino a unha empresa de Cambre e o laboratorio clandestino localizado en Cotobade son as operacións máis destacadas dos últimos meses

G24.gal 28/02/2024 15:07

Se hai unha imaxe que dá a dimensión dos últimos golpes ao narcotráfico é a dos 7.500 quilos de cocaína aprendidos entre atún conxelado que entrou polo porto de Vigo con destino a unha empresa de Cambre. A operación Tonara deixou o maior alixo incautado nunca en Galicia e permitiu confirmar o auxe das redes albanesas na distribución en Europa da droga procedente da Ruta do Atlántico. Era en decembro e pechaba un ano co dobre de incautacións do habitual.

O inspector xefe do GRECO en Galicia explica que "non só pola cantidade de operacións que fixemos contra o narcotráfico, senón polas características desas operacións: a desarticulación dun laboratorio único en Europa, na zona de Cotobade, intervimos varias embarcacións...".

Porque a entrada da droga en Galicia non é habitualmente en colectores. No último tramo da ruta, a cocaína que viaxou en buques distribúese en pequenos pesqueiros e narcolanchas, e aquí entran en xogo os narcotransportistas galegos, os máis experimentados neste labor.

Como os tres detidos pola Marina Francesa no golfo de Guinea con máis de cinco toneladas a bordo dunha lancha semirríxida, a mediados de decembro. Ou o fillo do histórico lancheiro de confianza de Sito Miñanco, que caeu en xaneiro noutro operativo a 500 millas das Canarias con 4.350 quilos de cocaína. Fronte ás Cíes foi interceptado en setembro o Bestarruza, con dúas toneladas.

En total, nos últimos seis meses comisáronse 19.100 quilos de cocaína vinculados a Galicia, que segue a ser a porta de entrada a Europa desta droga procedente de América do Sur.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade