Os veciños de Buchabade emprenden a transformación enerxética
Os veciños de Buchabade emprenden a transformación enerxética
A Comunidade de montes crea unha cooperativa enerxética para montar unha planta de enerxía solar para autoconsumo
Vanse presentar ás subvencións dos fondos europeos que fomentan as enerxías limpas
Contan con que nun ano a súa planta estea producindo a metade da enerxía que consomen
En Buchabade, un lugar a medio camiño entre Pontevedra e Ponte Caldelas, viven uns 60 veciños. Dentro dun ano esperan pagar só pola metade da enerxía que consomen. O resto pretenden producilo eles mesmos nunha planta de placas solares. Na montaxe vai colaborar a empresa hípica que se instalou no seu monte comunal.
"Temos unha pista duns 600 metros cadrados e a cuberta podería ser o sitio onde se puxeran as placas, e a comunidade de montes estivo de acordo", explica Xabier Blanco, o propietario do Centro Ecuestre Atlántico.
"Vanse poñer nun principio as placas nunha das caídas da nave grande, e serían entre 100 e 150 quilovolts", confirma Joaquín Solla, o secretario da Comunidade de Montes.
Calculan que o proxecto custará uns 150.000 euros. Para xestionalo van constituír unha cooperativa enerxética. A maioría dos que xa se sumaron son membros da comunidade de montes local e o que van achegar son os beneficios da última corta de madeira comunal, pero o proxecto enerxético está aberto a todos os que vivan ou teñan negocios en Buchabade.
"O que entre de fóra participaría co seu capital; se pon mil euros tería dereito ao beneficio que acheguen eses mil euros máis a parte correspondente de subvención", explica Solla. "Hai un mínimo; non che esixen unha cantidade fixa, entón nós imos valorar a achega que imos facer", avanza o dono da hípica. "Nós temos unhas instalacións que tiran moito da luz; coas clases no inverno, a partir das cinco é noite e temos que acender os focos".
Aspiran a poder contar cos fondos europeos que fomentan a transformación enerxética, que poden supoñer ata un 60 % do custo do proxecto. "Estamos pendentes de acabar os trámites para solicitar esta clase de subvencións, que ademais son este mes", precisa Solla.
Se o logran nesta primeira convocatoria, calculan que dentro dun ano xa se estarían beneficiando da súa propia enerxía.
Á hora de pagaren, o desconto máximo sería do 60 % do que consuman porque o 40 % restante corresponderalles ás empresas que distribúan e comercialicen a produción que a súa planta solar achegue á rede.