A catedral adórnase para celebrar a prolongación un ano máis do Xacobeo
A catedral adórnase para celebrar a prolongación un ano máis do Xacobeo
No 2021 chegaron a Compostela 183.000 peregrinos
A Porta Santa non pechará este 31 de decembro, pero si haberá pola tarde un espectáculo de música e de imaxe para dar a benvida a esta segunda parte do Xacobeo; un acto de transición entre os dous anos santos, un feito inédito na historia compostelá.
Carlos Núñez e Xabier Díaz serán os músicos que conducirán este espectáculo na praza da Quintana. Unha praza á que nos últimos días xa chegaban moi poucos peregrinos.
En total neste 2021 acadaban a compostela algo máis de cento oitenta mil persoas, unha cifra que superaba as expectativas fixadas pola Consellería de Turismo, pero lonxe do récord de case 350 mil peregrinos do ano 2019.
A incerteza creada pola pandemia, por suposto, afectou a afluencia no Camiño e tamén o perfil maioritario de peregrinos. Antes do 2019 os camiñantes estranxeiros representaban un 60 por cento, mentres que este ano a porcentaxe descendeu ao trinta. E outro dato importante, a ruta portuguesa cada vez ten máis éxito e xa atrae un 19 por cento das peregrinacións.
Agora co 2022 existe a esperanza de que o fenómeno do Camiño recupere a vitalidade doutros xacobeos. No aire, a visita papal probablemente en agosto, sempre, claro está, que o virus nos dea unha longa tregua.