Paderne corta a subministración de auga potable durante 32 horas
Paderne corta a subministración de auga potable durante 32 horas
Arredor de 1.500 veciños, máis do 60 % da poboación do municipio, afectados
O alcalde achaca esta escaseza a un uso excesivo da auga durante a fin de semana máis calorosa do ano
Preto de 1.500 veciños de Paderne, aproximadamente o 60 % da poboación desta localidade coruñesa, estarán sen auga da traída ata as nove da noite de mañá venres. O Concello viuse na obriga de tomar esta medida drástica e urxente tras comprobar que os dous depósitos municipais que subministran auga potable quedaron baleiros ao longo da fin de semana, con máis dun millón de litros de auga consumidos.
O alcalde de Paderne, César Longo, esgrime que "non é normal ter o venres os depósitos practicamente a rebordar e chegar o luns e que estean no último aro; iso foi por un uso excesivo da auga".
Para recuperalos dos mananciais que nutren eses depósitos son precisas esas 32 horas. E as consecuencias sófrenas vivendas e negocios, como un dos bares das parroquias afectadas, onde a súa propietaria considera normal que restrinxan a auga se hai seca, pero pregúntase "por que entón enchen a piscina municipal, se non se pode usar que non hai socorrista". E engade que, "probablemente mañá pola mañá peche o bar, porque vivo de servir cafés durante toda a mañá".
Outros negocios poderán salvar esta contrariedade, porque en varios núcleos, mesmo na capital do municipio, hai traídas veciñais e outros moitos teñen auga de pozo, como unha veciña que, ademais, explica que cando lle propuxeron engancharse á traída, "con todos os cartos que había que pagar dixen que non".
Desde o Concello informan de que están facendo xestións para tentar adiantar a recuperación dos depósitos e, polo tanto, o restablecemento do servizo, coa axuda de concellos próximos. Neste sentido, o de Miño vai enviar a Paderne camións cisterna para tratar de encher máis rapidamente os tanques. Polo de agora, é o único concello que se viu forzado a cortar a billa por completo, aínda que hai outros con problemas, como Irixoa, que aínda así mantén o servizo sen cortes.