Págalles aos ocupas para que deixen a vivenda
Págalles aos ocupas para que deixen a vivenda
Un veciño de Lugo cedeu ante a chantaxe por medo aos atrasos xudiciais
Di que a cantidade pagada acadou as cinco cifras
Un edificio de Lugo é o último asaltado polos ocupas. Foi un veciño da zona quen alertou a familia propietaria despois de ver xente nas fiestras do primeiro andar. Cando chegaron xa non puideron acceder pola porta principal onde puxeran cadeas.
"Vin para asegurar o baixo e xa vin que no portal había cadeas".
O encontro cos ocupantes ilegais foi violento, por iso agora este veciño quere ocultar o seu rostro para non ser recoñecido. Descoñece con exactitude cantas persoas había. Os veciños chegaron a ver dúas mulleres, unha delas embarazada, e varias persoas subindo bolsas.
"O primeiro día xa saíu unha moza ameazarme e eu despois xa non volvín porque collín medo, son violentos".
Presentou denuncia, pero ante o temor a que o proceso se prolongase, acabou cedendo á chantaxe e pagoulles aos ocupantes para que abandonasen a vivenda.
"A xustiza ía tardar un ano, entón contratouse unha empresa, fixéronlles unha oferta e pagámoslles e marcharon. Foi bastante diñeiro, falamos de cinco cifras".
Aínda non puido acceder ao primeiro andar, onde os ocupas cambiaron o cilindro. No resto do edificio está facendo inventario das cousas subtraídas e na entrada principal xa bloqueou a porta para evitar novas usurpacións.