Parte da Illa de Arousa o veleiro do Reto Astrolabio con destino a unha illa do Caribe
Parte da Illa de Arousa o veleiro do Reto Astrolabio con destino a unha illa do Caribe
O capitán é Javier Babé, un mariño experimentado en atravesar o Atlántico, que aos 75 anos se estrea fácendoo valéndose só de instrumentos do século XVII
Partiron pouco antes do mediodía deste martes do peirao do Xufre, na Illa de Arousa. O destino de La Peregrina é as Canarias. A viaxe da Peregrina no Reto Astrolabio empeza na Gomera para acabar na illa caribeña La Deseada utilizando só instrumentos de navegación do século XVII. Unha travesía de 3.000 millas.
"Despois de ter navegado a vela tantas veces, o Atlántico tiña que ter xa un pouquiño de intuición e de olfacto mariñeiro para facer as cousas con menos aparellos que os actuais.
No máis básico, o máis importante é o astrolabio, que serve para calcular a latitude, distancia ao norte do ecuador. Non imos dispoñer de máis información, porque non levamos maneira de medir a velocidade, nin o tempo; non levamos reloxo. Faremos un cómputo que se chama por estima, para calcular baseándose na experiencia de ter percorrido esa ruta que coa agulla magnética do compás pode dar unha aproximación, pero logo iso pode variar por moitos factores...", explica o capitán Babé.
Desde a web do Reto Astrolabio poderase ir seguindo o percorrido de La Peregrina cos seus oito tripulantes e se leva desviación da ruta. O capitán ten claro que a América vai chegar e marcou uns máximos de erro sobre o seu obxectivo.
"Cen quilómetros para o norte e para o sur do punto de recalada e uns 150-200 para o leste e oeste. Iso xa sería un bo acerto", precisa Javier Babé.
Esta viaxe polo Atlántico vai ser motivo dunha serie documental para Televisión de Galicia con guión de Alfredo Conde.