Prisión sen fianza para o autor do atropelo intencionado nun bar dos Mallos
Prisión sen fianza para o autor do atropelo intencionado nun bar dos Mallos
O xuíz cre que existe risco de reiteración delituosa e de fuga, xa que o acusado conta con 24 antecedentes por actos violentos
O Xulgado de Instrución número 3 da Coruña, en funcións de garda, decretou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para o home detido por estampar o seu coche contra a terraza dun bar na Coruña.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) informou este martes de que, tras pasar a disposición xudicial, o xuíz decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza ao considerar que existe risco de reiteración delituosa e de fuga.
Ademais, tivo en consideración o arco punitivo dos delitos polos que está a ser investigado: dous delitos contra a seguridade viaria, un delito de tentativa de homicidio -en relación coa dona de bar- e varios delitos leves de lesións, pois varias persoas quedaron feridas polo atropelo.
O home que o sábado intentou atropelar a parella da súa exmuller nunha terraza dun bar da Coruña chegaba aos xulgados ás nove menos vinte da mañá para prestar declaración ante o xuíz.
As primeiras investigacións apuntan a que foi a súa exmuller quen o chamou tras ter unha liorta co seu compañeiro actual. O presunto agresor presentouse no bar dos Mallos, onde tivo un primeiro enfrontamento coa parella da súa exmuller.
Minutos despois regresaba co seu coche e chocaba intencionadamente contra a terraza e contra o propio establecemento. A súa intención era atropelar o actual compañeiro da súa exmuller. Para conseguilo non dubidou en levar por diante todo o que atopaba no lugar.
Carla foi unha das persoas que quedaron feridas neste atropelo intencionado. Contounos que ela é quen aparece nas imaxes tirándolle unha cadeira e unha mesa. Di que acto seguido o home colleu o coche e arremeteu contra o bar. Asegura que ela quedou atrapada entre o coche e a barra e que teme pola súa seguridade.
O home, de 43 anos e natural do Corgo, é un vello coñecido das forzas e corpos de seguridade do Estado. Foi arrestado ata en vinte e catro ocasións por cometer actos violentos. A última detención tivo lugar en xaneiro deste mesmo ano. Tras un accidente de circulación, o agora detido agrediu outro condutor e un policía.