Prisión provisional comunicada e sen fianza para o investigado polo homicidio de Rábade
Prisión provisional comunicada e sen fianza para o investigado polo homicidio de Rábade
Este xoves pasou a disposición xudicial o suposto autor deste homicidio, un cidadán portugués que vivía na nave onde se atopou o cadáver
O corpo da vítima apareceu no interior dun sumidoiro
A maxistrada do Xulgado de Instrución nº2 de Lugo acordou prisión provisional por un delito de homicidio.
Contra a unha do mediodía chegaba aos xulgados de Lugo o home, de 57 anos e de nacionalidade portuguesa, detido pola súa presunta implicación na morte doutro home que foi localizado no interior dunha arqueta en Rábade.
O sospeitoso, que ao parecer abandonou a vila o luns pasado nun autobús, pasaba as noites na nave abandonada e foi baixo a tapa dun sumidoiro desa nave onde a Garda Civil localizou o cadáver. O suceso causou unha gran conmoción neste concello de pouco máis de 1.500 habitantes.
A vítima é un home de 40 anos natural de Granada. Vivía na vila e foi o seu compañeiro de piso quen deu a voz de alarma ao non velo dende Noitevella.
Unhas cámaras de seguridade do polígono industrial situábano nesta zona, polo que se centrou aquí o dispositivo de busca e foi cando localizaron o corpo somerxido a uns dous metros de profundidade.
Agora continúa aberta a investigación para tratar de esclarecer os feitos. As primeiras pescudas apuntan a que o corpo da vítima presentaba signos de violencia e feridas compatibles cun obxecto contundente.
A maxistrada do Xulgado de Instrución nº2 de Lugo, en funcións da garda, acordou prisión provisional comunicada e sen fianza para o investigado, sen prexuízo do que depare a instrución, por un delito de homicidio.