Publicador de contidos
Publicador de contidos

Peaxes, enganos e desenganos, por María Bastida

OPINIÓN

Peaxes, enganos e desenganos, por María Bastida

G24.gal 18/04/2024 08:07

Como se non tivésemos bastante co actual clima de polarización, recuperamos un vello debate do caixón dos desacordos pendentes: a peaxe das autovías no noso país. No papel protagonista, esta vez, o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible Óscar Puente. O seu argumento central, unha premisa de lóxica esmagadora: "As estradas non son gratis". Vaia novidade.

Seguindo por esta senda de argumentos tan obvios como evidentes, Puente defende que o mantemento das estradas pode ser sufragado de dúas maneiras: directamente por quen as usa —a través de peaxes— ou por todos os cidadáns —mediante impostos—. Á primeira vista, a adopción de peaxes como mecanismo de financiamento podería parecer un enfoque razoable. Por que non deberían pagar máis aqueles que máis utilizan as estradas? Con todo, o que o señor Puente parece obviar, ignorar ou esconder —e non sei cal destas tres posibilidades é peor— é que nós xa pagamos polas estradas. Cos nosos impostos. Elude a cadea de preguntas que a súa propia lóxica convida: por que non paga máis por educación quen ten menores en idade escolar? Deberían quen máis utilizan os servizos médicos cubrir un maior custo da sanidade? E así, ad eternum. Adicionalmente, omite a posibilidade de que esta política poida ter un efecto regresivo ao impactar desproporcionadamente en quen depende destas vías para o seu traballo diario, especialmente en zonas onde non existen alternativas de transporte público viables. O Partido Popular destacou precisamente este efecto, aludindo ao inxusto da medida para as clases medias e traballadoras, xa suficientemente sangradas por unha presión fiscal exponencialmente insostible.

Este enésimo cambio de opinión do executivo suma á incoherencia política unha longa serie de piruetas a que tristemente xa estamos afeitos. Desde a súa chegada ao poder en 2018, o goberno actual eliminou as peaxes de 1.000 dos 2.500 quilómetros de autoestradas que xestionaba, citando a intención de homoxeneizar o sistema de estradas do país. Este obxectivo contradí abertamente a proposta actual de reintroducir peaxes. Ademais, débese lembrar o compromiso con Bruxelas de implantar peaxes como parte dos acordos para recibir fondos europeos Next Generation. Unha proposta, primeiro ocultada, posteriormente negada en campaña por Pedro Sánchez e finalmente retirada en negociacións posteriores. O xiro de política de peaxes, dunha negación absoluta a unha reconsideración aberta, continúa alimentando a desconfianza cara ás promesas deste executivo. Neste banquete de rectificacións, algúns parecen non saciarse nunca, priorizando a lealdade ás siglas partidistas sobre calquera outra lóxica ou moral. Pero tamén hai quen se atopa ao bordo do empacho.

Debo recoñecer que a medida, en si mesma, non me parece mal. O que me falla é o contexto. Nós pagamos impostos para moitos servizos, e entre eles, o transporte e o mantemento das infraestruturas. Pero quen vén doutras localizacións e as transita —sexa por lecer ou traballo—, úsaas á nosa custa e desgástaas tanto como nós. Esa é, para min, a clave. Nós cotizamos para ter servizos, pero non teño tan claro que debamos cotizar para sufragar os servizos de quen non contribúe. E, visto así, creo que merece unha reflexión.

E engadiría unha reflexión máis, que xa tarda. Na política, como na vida, a verdade é unha vía de sentido único e de tránsito obrigado, especialmente cando se trata de medidas que afectarán directamente os cidadáns. A política do relato, ese intento de cubrir as verdadeiras intencións cunha retórica enganosa, debe ter un límite definido. Nun momento en que a carga fiscal xa é abafadora para moitos, disfrazar unha medida que incrementa esta presión como unha necesidade loxística é inaceptable e carece de lugar nunha sociedade avanzada. As decisións que afectan o peto de todos deben explicarse con claridade, sen subterfuxios nin medias verdades. Aínda que o incremento de recadación para cubrir promesas electorais ou para satisfacer determinados grupos de presión sexa o que a verdade esconde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade