Pechan as bateas en Arousa por mor da aparición de novas manchas de fuel
Pechan as bateas en Arousa por mor da aparición de novas manchas de fuel
Unha delas nas inmediacións do Grove e a outra preto da Pobra do Caramiñal
Detectouse o peche de tres polígonos bateeiros da ría de Arousa
Salvamento Marítimo detectou este xoves dúas novas manchas de fuel nas augas da ría de Arousa. Unha nas inmediacións do Grove (Pontevedra) e outra preto da Pobra do Caramiñal (A Coruña).
Neste caso, as manchas foron detectadas antes de chegar a terra, pero obrigaron a reactivar o plan marítimo por contaminación. Ademais, detectouse o peche de tres polígonos bateeiros da ría de Arousa. Medios aéreos percorrerán este venres a zona afectada para comprobar que os restos de combustible foron retirados.
Nas zonas afectadas, coñecidas como A Pobra A, B e C, prohíbese cautelarmente a extracción de moluscos bivalvos cultivados en viveiros flotantes "para evitar que cheguen ao mercado produtos mariños en condicións non aptas para o consumo humano".
O incidente rexístrase dous días despois da aparición de restos de chapapote nas dúas praias do municipio pontevedrés da illa de Arousa. Segundo os primeiros estudos, estes procederían dunha vertedura realizada polo buque portacontedores WEC Vermeer.
O dito barco está retido no porto de Vigo dende o pasado domingo, despois de verter uns 150 litros de fuel ao mar, a unhas seis millas da illa de Ons.