Pedida de man baixo o mar das Rías Baixas
Pedida de man baixo o mar das Rías Baixas
Baixo o mar agardaba un cofre co anel de compromiso
Atención á singular pedida de man que tivo lugar o domingo pasado en augas de Aldán. Nada menos que baixo a auga do mar. O club de mergullo Rías Baixas ofrece a posibilidade de pedir matrimonio dun xeito tan inesquecible como acaído para o verán.
A xornada empezou como un mergullo máis para esta parella. Pero ademais da experiencia de nadar entre peixes, o día traía máis sorpresas para ela. Entre os cabaliños de mar chegou o momento de formular a consabida pregunta: "Queres casar comigo?", con axuda doutros mergulladores e uns carteis.
Tras o si quero, abriron o cofre onde se agochaba o anel de compromiso. A cerimonia habitual, pero dun xeito inesquecible.
O club de mergullo Rías Baixas xa ten experiencia, pois xa organizara unha pedida semellante en dous mil vinte e un. Agora repiten con esta parella que o vai ter difícil na voda para superar un evento tan orixinal.