Pedro Sánchez: "A migración non é un problema, é unha necesidade"
Pedro Sánchez: "A migración non é un problema, é unha necesidade"
O presidente anuncia en Mauritania o primeiro cumio co país africano en 2025 e 500.000 euros para formación en defensa e seguridade
Núñez Feijóo advirte da "irresponsabilidade" de alentar un efecto chamada na "peor crise de migración irregular" e acusa a Pedro Sánchez de "promocionar España como destino"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu este martes desde Mauritania que a migración non debe entenderse nunca como un problema senón como "unha necesidade que implica certos problemas" para os que hai que buscar solucións que permitan que sexa regular e ordenada e beneficiar tanto ao país de orixe como ao de acollida.
Así se pronunciou nunha declaración sen preguntas en Nuakchot xunto co presidente de Mauritania, Mohamed Uld Ghazuani, na que anunciou a firma dun memorándum de entendemento con este país para proxectos de migración circular -contratación temporal de traballadores para determinados sectores- e o reforzo da colaboración en materia de seguridade e de loita contra o crime organizado.
O xefe do Executivo quixo aproveitar para agradecer a Ghazuani "os esforzos que veñen realizando para combater a migración irregular, así como a colaboración na loita contra as redes de tráfico de persoas".
"Temos o firme compromiso e o propósito de continuar traballando conxuntamente para combater á migración irregular e ás organizacións que se aproveitan da desesperación" de quen recorre a ela, recalcou.
O presidente asegurou que España, como país que foi ata non fai tanto de emigrantes, entende ben a cuestión da migración. "Por iso para nós o fenómeno da migración é unha cuestión de principios morais, de solidariedade e de dignidade", defendeu, incidindo en que "tamén é un asunto de pura racionalidade porque a contribución dos traballadores migrantes á nosa economía é fundamental, como o é tamén o sostemento da seguridade social ou do noso sistema público de pensións".
Así pois, recalcou ante o presidente mauritano, "para España a migración é riqueza, é desenvolvemento e é prosperidade" e subliñou que "pese ao discurso que desgraciadamente tamén está a empezar a ter maior presenza en Europa, a migración non é un problema, é unha necesidade que implica certos problemas".
Fronte a iso, dixo Sánchez, o que hai que facer é "impulsar fórmulas que nos permitan xestionar dunha maneira humana, segura, ordenada, o fenómeno da migración en beneficio das nosas respectivas sociedades" e en consecuencia "combater ás mafias que trafican con seres humanos".
En opinión do xefe do Executivo, isto "esixe a adopción dun enfoque integral, que teña en conta todos os factores que inflúen na migración e que reforce a cooperación entre os países involucrados".
Por outra banda, Sánchez puxo en valor o "excelente momento" que atravesan as relacións bilaterais e que se verán reforzadas coa celebración da primeira Reunión de Alto Nivel (RAN) con este país norteafricano, que terá lugar en Mauritania. España só celebra este tipo de cumios bilaterais cuns poucos países, entre os que figuran Marrocos e Alxeria.
Así mesmo, tamén adiantado que a partir de outono o Instituto Cervantes ofertará actividades en Mauritania como "primeiro paso para o seu establecemento" no país e anunciou unha contribución de 500.000 euros para a iniciativa en formación en defensa e en seguridade en Mauritania da OTAN.
O presidente mauritano agradeceu a Sánchez a "disposición" de España para axudar ao desenvolvemento do seu país e en particular a súa aposta pola migración circular. Tamén puxo en valor "a posición de España fronte á cuestión do conflito en Gaza", en referencia ao recoñecemento do Estado palestino.
Feijóo ve irresponsable alentar un efecto chamada e "promover España como destino"
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, advirte este mércores da "irresponsabilidade" de alentar un efecto chamada na "peor crise de migración irregular" e acusa o presidente de Goberno, Pedro Sánchez, de "promover España como destino".
Nunha mensaxe na rede social X, Núñez Feijóo referiuse así á xira africana de Sánchez esta semana para reforzar a cooperación migratoria nun momento de especial presión, cun goteo de caiucos, especialmente de Mauritania e Senegal, cara ás costas canarias.
Es irresponsable alentar un efecto llamada en la peor crisis de migración irregular.
— Alberto Núñez Feijóo (@NunezFeijoo) August 28, 2024
En vez de ir a África a combatir las mafias, Sánchez promociona España como destino.
Al revés que el resto de la UE.
Quien venga, contrato en origen y carta de cumplimiento de nuestras leyes.
Na rede social, Núñez Feijóo di que "ao revés que o resto da Unión Europea", en España aléntase a migración irregular. Por iso, o presidente do PP esixe que "quen veña" o faga con "contrato en orixe e carta de cumprimento" das leis españolas.