Peregrinos versus 'turigrinos': formas diferentes de facer o Camiño
Peregrinos versus 'turigrinos': formas diferentes de facer o Camiño
Algúns veteranos da Ruta Xacobea chaman 'turigrinos' aos que fan o Camiño de Santiago sen saber o que representa e molestando durante as etapas
Outros especialistas defenden o papel dinamizador que o Camiño ten para moitos concellos do interior de Galicia
Malia non ser Ano Xacobeo, o Camiño de Santiago segue a bater marcas de afluencia este verán. As alertas de masificación e os actos de incivismo dalgúns peregrinos á súa chegada a Santiago de Compostela producidos nas últimas semanas volveron a abrir un debate sobre a figura do 'turigrino'.
Este neoloxismo, que aínda non recolle a Real Academia Galega vénse empregando desde hai 15 anos polos especialistas e eruditos no Camiño de Santiago.
Na Xacopedia o xornalista Manuel F. Rodríguez di que o termo 'turigrino' se emprega "para referirse de xeito crítico ás persoas que fan o Camiño de Santiago sen ánimo de transcendencia e sen acabar de entender e aceptar os conceptos de hospitalidade, solidaridade, compañeirismo e sobriedade que son para moitos peregrinos e hospitaleiros a esencia da Ruta Xacobea".
Para os veteranos do Camiño a diferencia está en que "o turigrino esixe, o peregrino acepta".
Fronte esta visión máis romántica do Camiño, outras voces falan dunha nova realidade comercial á que tampouco é alleo o Camiño: "cando a maioría dos peregrinos dormen hoxe en día en albergues ou hoteis privados, cando en cada lugar que atravesa o Camiño hai bares, restaurantes ou máquinas expendedoras, cando o peregrino ten que pagar por todo ten tamén dereito de esixir."
A ponte de Ribadiso, en Arzúa, é un dos puntos máis senlleiros do Camiño Francés, onde a tradición di que os peregrinos teñen que descalzarse e refrescar os pés.
Ao carón da ponte hai cinco casas: unha é o albergue público, dúas son albergues privados e outra é un mesón.
Uns peregrinos pasan cunha pesada mochila ás costas, mentres que outros prefiren que llas leven en taxi de albergue a albergue.
Sergi, guía profesional de Camiño de Santiago Experience, cóntanos que "o meu primeiro camiño foi no ano 2000 e lembro que daquela a ruta non tiña o tipo de servizos que ten agora e o tipo de peregrino era distinto, viña cunha motivación máis espiritual. Pero penso tamén que a xente que vén agora e fai o Camiño tamén acaba atopando esa motivación e sendo un peregrino de verdade".
En Arzúa a Ruta Xacobea converteuse nun dos principais motores económicos do concello. Como indica Manuel Gómez, xerente dun local hostaleiro a o pé do Camiño, "se non fora por el, Arzúa e outros moitos lugares do interior de Galicia terían moita menos vida e economía da que teñen hoxe.
O Camiño non deixa de ser turismo: hai xente que vén polas paisaxes, pola gastronomía, vén xente de todo tipo e entre tanta multitude sempre se cola algún que non ten un bo comportamento. Pero tamén é verdade que cando a xente fai o Camiño cambia de actitude, vólvense máis atentos, máis próximos".
Na ponte de Ribadiso paramos a unha parella de ciclistas. Son arxentinos e veñen desde Saint Jean Pie-de-Port (Francia): "Viñemos sobre todo para coñecer España e para facer deporte e para nós está sendo unha experiencia fermosa poder coñecer ademais tanta xente distinta de tantos países diferentes".
Ambos constatan un cambio antes e despois de chegar a Galicia: "A maior diferenza é a cantidade de xente que atopamos. Agora temos que andar tocando o timbre da bici a cada pouco para pedir permiso de paso, mentres que nos primeiros cinco días apenas nos cruzamos con outros tres ciclistas".
Preguntamos a unha familia que vén e Córdoba e que iniciaron a ruta desde Sarria: "Tiñamos uns poucos días de vacacións e decidimos vir a Galicia. Estanos a parecer unha experiencia marabillosa."
Os máis novos veñen coa súa mochila: "Queriamos facelo así, coa nosa mochila e as nosas cousas ás costas, queriamos vivir a experiencia o máis real posible", di Amelia. Desde que saíron de Sarria estalles a sorprender a grande cantidade de xente que hai no Camiño, e aínda que lles parece agradable coñecer persoas de tantos sitios distintos, Amelia confesa: "Quero repetilo cando haxa menos afluencia para poder facelo máis soa, non sei, atoparme a min mesma. Desta vez pouco me estou atopando".