Publicador de contidos
Publicador de contidos

Periga o último secadoiro artesanal de congro que queda en Galicia

Periga o último secadoiro artesanal de congro que queda en Galicia

Sanidade paralizou cautelarmente a actividade do secadoiro da Pedriña, en Muxía

Piden que a normativa se flexibilice para aceptar o proceso de curado do peixe ao aire libre

G24.gal 01/03/2022 14:11

A tradición muxiá de secar o congro ao aire remóntase ao século XV. Cren que chegou da man dos cataláns que salgaban o peixe aquí para conservalo e levalo para alá. 

"Viñan ao abadexo e ao xurelo e despois puxéronse no congro, curábano aquí e mandábano para alá", conta Juan Diz, un dos máis veteranos no secado do congro en Muxía. Empezou a traballalo con 14 anos, e hoxe ten 92. 

Nos bos tempos, nas cabrias do secadoiro da Pedriña colgaban mil quilos de peixe ao día. Agora Miguel, o neto de Juan, non xunta nin seis mil ao ano. 

"Traballamos de forma temporal para as datas máis fortes, que son Semana Santa e Nadal", explica Miguel. A demanda foi indo moito a menos, e segue concentrada en Cataluña e Aragón. Alí o congro seco é un manxar, mentres que aquí non se consome. 

Foi preparando un deses envíos cando tivo unha inspección de Sanidade. Paralizaronlle cautelarmente a actividade, á espera de que poida solucionar as incidencias detectadas. O problema, di Miguel, é que esas incidencias son parte do proceso artesanal de secado do congro.

"Non están conformes co método de secado, parece que é de risco para as persoas, e o feito de que estea nun espazo aberto e que a xente pase por aquí tampouco lle axuda moito" explica Miguel. Vai pedir autorización a Costas para que lle deixen pechar o acceso á zona de secado pero advirte: aínda que lla dean, o proceso de secado sería o mesmo. "O que é o proceso, colgar o congro aí, ía ter que mantelo, porque é o que me esixen os meus clientes".

Mentres Miguel busca solucións, botou a andar en Muxía unha campaña para evitar o peche do secadoiro. A organizadora, Viki Rivadulla, explica que o seu apoio vai "máis alá do que é defender unha empresa". Di que esta forma de traballar debera estar protexida "como patrimonio, como un legado á nosa cultura do mar".

Piden unha protección especial para conservar esta tradición centenaria. O da Pedriña é o derradeiro secadoiro artesanal de congro que queda en Galicia. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade