O Chucán alega defensa propia polo intento de asasinato dun compañeiro
O Chucán alega defensa propia polo intento de asasinato dun compañeiro
José Carnero, autor do crime de Sober, está acusado de acoitelar un home en Baralla polo que lle piden unha pena de 14 anos de prisión
José Carnero, coñecido como o Chucán, encóntrase en prisión preventiva dende que en agosto de 2020 fora detido como presunto autor do apuñalamento dun compañeiro do centro de asistencia social onde residía, en Baralla.
Supostamente, cravoulle nas costas, por sorpresa, un coitelo de cociña de 21 centímetros de longo, causándolle á vítima dúas incisións que precisaron dunha intervención cirúrxica.
Polo delito de asasinato en grao de tentativa coa agravante de reincidencia, o fiscal da Audiencia Provincial de Lugo pide para o acusado o cumprimento de 14 anos de cadea e o pagamento dunha indemnización de máis de 4.000 euros.
Pola súa parte, a defensa pide a absolución ou, como moito, unha condena de tres meses por lesións.
"Imos pedir a libre absolución, e subsidiariamente a cualificación como un delito de lesións coas atenuantes de arrebato e dunha enfermidade psicótica que padece o meu cliente", di Paloma Becerra, avogada da defensa.
O Chucán xa estivera en prisión pola súa autoría do crime de Sober, ocorrido en 2007. Tras cumprir seis anos de condena polo asasinato dunha muller, en 2019 ingresou na residencia onde sucederon os feitos que lle imputan nesta ocasión.
Segundo declarou, tiña desavinzas coa vítima e ese día non tomara a medicación que precisa para o seu trastorno psiquiátrico, unha doenza que confirmaron os peritos.
Só respondeu á súa avogada, dixo que actuou en defensa propia e que a vítima se botou sobre el agarrándoo pola gorxa.
Antes da vista oral, a vítima asegurou que o Chucán atacouno polas costas, sen mediar disputa.
"Chamoume, xireime e notei dúas punzadas. Non esperaba a agresión", dixo.