Piden 26 anos de cadea para unha muller acusada de matar o home con medicamentos
Piden 26 anos de cadea para unha muller acusada de matar o home con medicamentos
A defensa asegura que foi un suicidio pactado e di que, máis ca un crime, é un drama
Os fillos e a familia da vítima apoian a acusada
Esta mañá quedou constituído o xurado popular para o xuízo contra unha muller de 71 anos acusada de asasinar o seu marido, de 75, na súa casa de Monfero, onde vivían.
Segundo recolle o escrito da fiscalía, o home, en agosto de 2018, comezou a sufrir deterioración cognitiva que lle afectou á linguaxe e posteriormente foi diagnosticado de alzhéimer ou demencia. Co paso do tempo, sempre segundo a acusación, el comezou a amosar actitudes agresivas, rexeitando a axuda da muller, provocando nela unha situación de desesperación e angustia. Polo que, en xullo de 2021, recolle o escrito, agoniada pola evolución da enfermidade e co propósito de causarlle a morte, subministroulle unha importante cantidade de medicamentos que lle provocou a morte.
Por estes feitos, a fiscalía pide para ela unha pena de 26 anos de cadea e o pagamento dunha indemnización de case 24.000 euros para cada un dos seus dous fillos.
Porén, a defensa pide a libre absolución. Asegura que foi un suicidio de mutuo acordo e di que o falecido non tiña unha deterioración cognitiva que lle impedise entender o que facía.
Explicou que os dous inxeriran o mesmos medicamentos e en cantidades similares. Tras isto, a investigada, que logrou sobrevivir, fixo unha nota manuscrita en que lles pedía perdón aos seus fillos e lles explicaba que non aturaba a situación de deterioración do seu pai.
Este mércores comezará a vista oral. Será cando declaren os fillos da procesada e os médicos forenses. Ela está previsto que dea a súa versión dos feitos este xoves. E xa o venres, as partes presentarán as súas conclusións finais para que os membros do xurado popular, unha vez teñan o obxecto do veredicto, se retiren a deliberar.