Publicador de contidos
Publicador de contidos

Piden a consideración dos hórreos como patrimonio universal

Piden a consideración dos hórreos como patrimonio universal

A rede intenacional Hórrea celebra o seu terceiro encontro na Estrada e demanda axudas e protección para todos os hórreos elevados do mundo

Hai hórreos en máis de 60 países do mundo, e a maioría deles corre risco de desaparecer por mor do abandono do rural

G24.gal 27/09/2024 14:40

Con máis de corenta tipoloxías e vinte e oito denominacións -nalgúns sitios chámalle piorno, espigueiro, cabazo, canastro, cabaceiro-, Galicia conta máis de 100.000 hórreos e ten protexidos os máis antigos como Ben de Interese Cultural. 

"Os hórreos de Tui e do Condado son parecidos aos portugueses e os hórreos da Fonsagrada, dos Ancares, son moi parecidos aos asturianos", subliñou Carlos Henrique Fernández Coto, o presidente da rede internacional Hórrea e de Apatrigal.. 

Pero esta riqueza non ten simetría noutros lugares do mundo. En Cantabria, por exemplo, quedan menos hórreos que osos.

"Levamos preto de oitenta anos cun deterioración enorme e agora mesmo non chegamos a vinte. Estamos nunha situación moi crítica", lamentou José Francisco Fernández, da Asociación de Amigos do Hórreo de Cantabria.

Mexico, O Brasil, Turquía, Francia, Italia ou Suíza comparten esta problemática. Os urbanistas portugueses falan xa de converter o hórreo nun símbolo que de como habitar o territorio.

 "Na situación que vivimos recentemente cos incendios en Portugal vimos as consecuencias da dispersión, de non ter un planeamento. Non só queremos facer do hórreo un símbolo para conservalo como elemento arquitectónico. Queremos que os hórreos sexan un estandarte do tipo de urbanismo que debe haber no rural", apuntou Alice Tavares, investigadora da Universidade de Aveiro e presidenta da Asociación portuguesa para a rehabilitación urbana.
 

"O noso obxectivo é que a UNESCO os recoñeza como patrimonio inmaterial da humanidade. Non se debe deixa caer nin levalos para outro lado, porque cambiar os hórreos de sitio, ademais de estar prohibido, é enganar a historia", engadiu 
Carlos Henrique Fernández Coto, Presidente da rede internacional Hórrea e de Apatrigal.
 

Por iso din que quen ten un hórreo ten un tesouro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade