Piden axuda para buscar unha vaca en Forcarei
Piden axuda para buscar unha vaca en Forcarei
O animal desapareceu o domingo na parroquia de Millarada cando pacía nun prado
En Forcarei andan preocupados pola desaparición dunha vaca. Acabada de parir e desapareceu hai uns días.
O seu dono foi botar unha ollada ao rabaño cando a botou en falla. O máis curioso é que o valado de peche estaba perfectamente e o pastor eléctrico intacto. Aínda non saben como desapareceu do prado. O propio Concello implicouse na súa busca.
Malú 49 está identificada cun número de crotal 4549, que leva prendido nunha orella, como conta o seu dono Adrián López Lois.
"A xovenca pariu o sábado a mañá estaba na explotación. Eu fago pastoreo, boto as vacas todos os días chova ou raie o sol. Ao mediodía fun botar un ollo e faltaba a xovenca que acababa de parir. Gardamos o rabaño e saímos na súa procura e ata hoxe non apareceu nin viva nin morta".
"En poucos días, en 8 ou 10 días, pode estar dando 50 litros de leite por día, agora mesmo menos desa cantidade non teño ningunha. Acabada de parir ten, como mínimo 300 días que vai dar leite, ao comezo dará 50 litros, despois irá baixando a produción, pero nese tempo pode dar 9.000 litros perfectamente.
O seu becerro aínda mama. A sorte que ten e que as vacas leiteiras aceptan ben alimentar a calquera cría. Polo que non teñen que recorrer a alimentalo con leite en po.
Unha vaca destas características custa uns 2.500 euros, ao que lle hai que engadir o que vale mantela e coidala durante dous anos ata que queda preñada e pode producir leite. Para unha explotación con 80 cabeza a súa desaparición é unha perda abondosa.
Ademais da perda que supón a desaparición da xovenca agora teñen que dar de baixa o animal, o que aparella xustificar como desapareceu e unha chea de trámites.