O estado das instalacións termais de Ourense causa malestar entre veciños e turistas
O estado das instalacións termais de Ourense causa malestar entre veciños e turistas
A piscina termal das Burgas leva tempo pechada e outras áreas precisan de melloras
Foi durante a pandemia cando a piscina termal das Burgas pechou as súas portas. Á espera dunha serie de melloras, a súa reapertura vaise alongando no tempo.
"Hai moita xente que se veu previamente a Ourense non sabe que hai termas pegadas o río Miño. Como ven as Burgas pois teñen visto a piscina en funcionamento, entón claro sorpréndense o ver que está pechada. Eu intento explicarlles un pouco a situación: que é pola lei termal, que hai que facer unhas modificacións, pero claro, non deixa de chocarlle o turista porque "Capital termal" e temos a terma pechada", explica a guía turística Uxía Novo.
Non é mellor a imaxe que ofrece o antigo balneario da Chavasqueira ou esta cafetería abandonada na contorna das pozas de Maimón, o principal aparcadoiro para aqueles que visitan as termas de Outariz. Tamén alí varias das pozas non teñen auga.
"Si que é verdade que onte cando chegamos alá arriba non tiñan auga. Tamén teñen a norma de que as oito da tarde xa tes que saír. Eu de feito estiven hai moitos anos e a maleza estaba como máis limpa. Eu non entendo como está tan deixado porque para min é unha marabilla", di unha visitante.
Coidan que as melloras son precisas, máis tendo en conta que moitos visitantes que se achegan a Ourense o fan atraídos pola riqueza termal.