Planas critica as "desafortunadas" declaracións de Garzón sobre as macrogranxas
Planas critica as "desafortunadas" declaracións de Garzón sobre as macrogranxas
Unidas Podemos critica o PSOE por apoiar unha política "terraplanista"
A oposición pide a reprobación do ministro de Consumo
O Goberno sae en defensa do sector gandeiro tras a polémica polo ataque do ministro de Consumo ás macrogranxas.
Isabel Rodríguez, voceira do executivo, dixo que "fronte ás palabras, fronte ao ruído, feitos e compromiso do Goberno de España co sector gandeiro".
Tras a xuntanza semanal do Consello de Ministros o responsable de Agricultura expresoulle o seu malestar a Alberto Garzón. Luis Planas lamenta que non o chamase antes de falar sobre un asunto da súa competencia.
"Creo que foron unhas palabras desafortunadas que deron lugar a uns equívocos e, sobre todo, a unha polémica que puidemos aforrar perfectamente", dixo o ministro.
Este martes, e igual que xa fixera Ciudadanos, o PP e VOX presentaron no Congreso cadansúa petición de reprobación ao ministro de Consumo.
A voceira popular, Cuca Gamarra, explicou que "con isto intentamos axudar os compañeiros do ministro Planas a que a poidan apoiar e así, en sede parlamentaria, se mollen e reproben a quen tanto dano fixo á economía española".
Unidas Podemos lamenta que o PSOE facilite co seu voto na mesa a tramitación deste tipo de iniciativas.
Javier Sánchez, de Unidas Podemos, cre que "o Congreso dos Deputados non pode facer política terraplanista, aceptar iniciativas que se basean en noticias falsas".
A pesar do intercambio de declaracións entre os socios, desde o Goberno insisten en que a coalición goza de boa saúde.