Publicador de contidos
Publicador de contidos

Galicia, primeira comunidade que inclúe o contorno dixital dentro da Lei de violencia

Galicia, primeira comunidade que inclúe o contorno dixital dentro da Lei de violencia

Obtivo o apoio unánime de todos os grupos políticos do Parlamento

G24.gal 23/11/2021 07:35

Galicia é a primeira comunidade autónoma que reforma da Lei para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, que incluirá a violencia dixital na lexislación autonómica. O pleno do Parlamento de Galicia aprobouna co apoio unánime de todos os grupos políticos.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xé- nero queda modificada como segue: 

Engádese a letra h) ao artigo 3 co seguinte contido:

h) Violencia de xénero dixital ou violencia en liña contra a muller, que inclúe todo acto ou conduta de violencia de xénero cometido, instigado ou agravado, en parte ou na súa totalidade, polo uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), como Internet, plataformas de redes sociais, sistemas de mensaxería e correo electrónico ou servizos de xeolocalización, coa finalidade de discriminar, humillar, chantaxear, acosar ou exercer dominio, control ou intromisión sen consentimento na privacidade da vítima; con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella ou análoga de afectividade no presente ou no pasado, ou de parentesco coa vítima.

Igualmente, terán a consideración de actos de violencia dixital contra a muller os exercidos por homes do seu contorno familiar, social, profesional ou académico.

As representantes dos tres grupos políticos no relatorio da lei, Paula Prado (PPdeG), Olalla Rodil (BNG) e Noa Díaz (PSdeG), destacaron o consenso e a unidade durante o traballo parlamentario, reclamaron unha modificación da lexislación estatal e tamén do Código penal para poder loitar contra estas condutas e advertiron do impacto deste tipo de violencia entre as máis novas.

Prado destacou que a aprobación por unanimidade desta lei é a "mellor campaña" do 25 de novembro e "a mellor homenaxe ás vítimas". 

Olalla Rodil abondou en que se trata dunha reforma "necesaria e adecuada", e lembrou que o teléfono móbil, non xa tanto o ordenador, supón "unha extensión máis do corpo" e a rede é"un lugar máis de ocio, entretemento e socialización". 

Noa Díaz Varela felicitouse polo "grande avance" que supón a aprobación desta lei e manifestou que lle consta que o Goberno xa está traballando na reforma da lei estatal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade