Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aprobado o teito de gasto de 13.257 millóns, paso previo a uns orzamentos que a oposición rexeita

Aprobado o teito de gasto de 13.257 millóns, paso previo a uns orzamentos que a oposición rexeita

Será a primeira vez en 16 anos que a comunidade non recorrerá ao novo endebedamento

O teito de gasto permitirá unha capacidade de gasto un 5 % superior á do orzamento vixente, segundo avanzou o conselleiro de Facenda

O conselleiro de Facenda, Miguel Cargos, este mércores no Parlamento (EFE/Lavandeira jr) O conselleiro de Facenda, Miguel Cargos, este mércores no Parlamento (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 18/10/2023 08:16 Última actualización 18/10/2023 12:25

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou este mércores, cos votos a favor unicamente do PPdeG, o teito de gasto da Xunta para 2024, "realista e prudente" e que se sitúa en 13.257 millóns, como paso previo á tramitación do proxecto de orzamentos, que a oposición rexeitou durante as súas intervencións.

Na súa quenda de palabra, nun breve pleno que se prolongou unha hora, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, sinalou que o Goberno galego apurou os tempos, pero "non podía esperar máis" polos datos de financiamento do Executivo central.

Así, lembrou as previsións macroeconómicos actualizadas e reiterou que o teito de gasto permitirá unha capacidade de gasto un 5 % superior á do orzamento vixente.

Corgos pediu ao final do seu discurso que todos os grupos apoien este paso "para poder aprobar de forma inmediata o proxecto de orzamentos e poder seguir atendendo as necesidades de todos os galegos", aínda que BNG e PSdeG votaron en contra.

Deste xeito, Facenda resalta que Galicia dispoñerá o próximo ano do teito de gasto non financeiro "máis alto da historia", un 5 % máis ca o do presente exercicio, o que supón 637 millóns de euros máis.

Este teito está conformado por 13.326 millóns de ingresos non financeiros con axuste negativo de contabilidade nacional de 69 millóns de euros.

Tal e como lembrou o titular do departamento autonómico, será a primeira vez en 16 anos que non se recorrerá ao novo endebedamento.

A oposición critica os orzamentos

O primeiro en falar foi o socialista Luis Álvarez, quen criticou o "carácter rutineiro" que ao seu xuízo dá a Xunta a este trámite. "Se queren crer que son os mellores, alá vostedes", soltou aos populares.

Neste sentido, censurou as baixadas de impostos e asegurou que é "cínico" que de forma paralela reclamen máis fondos ao Estado. Con isto reprobou "ir a unha negociación sobre un novo modelo de financiamento asegurando que se vai tan sobrado que lles poden perdoar os impostos aos máis ricos".

A continuación, a nacionalista Ana Pontón recriminou que "este Goberno leva meses convertido nun apéndice da estratexia do PP de Madrid". "Levamos meses cun Goberno paralizado, primeiro ao servizo da estratexia electoral do PP de Madrid e despois porque estiveron coa calculadora electoral a ver cando lle conviña máis facer a convocatoria das galegas", afirmou.

Pontón mostrouse convencida de que con estes orzamentos non se vai frear o peche de industrias, nin acabar coas listas de espera, nin mellorar o sistema de atención a maiores, nin impulsar a ciencia, nin loitar contra o cambio climático nin evitar a emigración de mozas.

"Non", avisou, xa que o PP galego "repite as mesmas receitas fracasadas de sempre". Así, alertou de que "facer trampas ao solitario non vale de nada" e "tampouco vale de nada anunciar orzamentos que logo non cumpren".

A continuación, polo PPdeG, Alberto Pazos replicoulle á líder do Bloque que "se lle acaba o tempo e empeza a notarse demasiado", e lembrou que "Galicia non contou con máis estimacións que as que lle proporciona a súa propia experiencia orzamentaria".

Reivindicado o cumprir con Galicia "15 anos consecutivos", Pazo defendeu que a comunidade "contará co teito de gasto máis alto da súa historia" o ano que vén e augurou que "nin esta nin ningunha outra cantidade chegaría para que BNG e PSdeG renuncien a regalar a súa habitual ración de demagoxia".

Deste xeito atribuíu á oposición "15 anos de negros vaticinios dramaticamente errados, un tras outro". "Vostedes carecen por completo de credibilidade", espetoulles, antes de atribuírlles "unha alarmante incapacidade para recoñecer os erros e exercer a máis mínima autocrítica".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade