Publicador de contidos
Publicador de contidos

Podemos consulta as bases se condicionan o apoio aos OXE a romper con Israel e baixar o alugueiro

Podemos consulta as bases se condicionan o apoio aos OXE a romper con Israel e baixar o alugueiro

A consulta ábrese este martes e os afiliados poderán votar ata o domingo

 

A secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, e a eurodeputada Irene Montero no acto central do encontro 'Uni de otoño', celebrado esta fin de semana (EFE / Chema Moya) A secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, e a eurodeputada Irene Montero no acto central do encontro 'Uni de otoño', celebrado esta fin de semana (EFE / Chema Moya)
G24.gal 21/10/2024 13:07

Podemos abrirá este martes unha consulta ás súas bases para preguntarlles se queren que se condicione o apoio aos orzamentos do próximo ano á ruptura de relacións con Israel e á imposición de medidas para baixar os prezos do alugueiro, como o tope de prezos.

Nunha declaración emitida este luns, a secretaria xeral de Podemos, Ione Belarra, anunciou que esta consulta estará aberta este martes e os rexistrados da formación poderán votar ata este domingo.

A primeira das condicións que expón a dirección de Podemos ás bases é a ruptura "inmediata" de relacións comerciais e diplomáticas con Israel, "incluído un embargo total de armas".

En segundo lugar, esíxenlle ao Goberno que baixe por lei os alugueiros un 40 %, prohibindo a compra de vivenda a quen non van vivir nela e "desmantelando dunha vez por todas os comandos escuadristas como Desokupa".

"Creo que neste contexto é o mínimo que se lle pode pedir a este Goberno para que poida contar co apoio de Podemos", considera a líder da formación violeta. Belarra afirma que "cando se conforma un goberno no que só manda o Partido Socialista, no que non hai ruído como eles din, no que non hai presión, as únicas medidas que adopta ese Goberno son practicamente as mesmas que podería tomar un Goberno do Partido Popular".

Coa axustada maioría parlamentaria que sustenta ao Executivo de Pedro Sánchez, os votos dos catro deputados de Podemos no Congreso prevense imprescindibles para que saian adiante as contas de 2025, e neste sentido afirmou que a formación "debe exercer a súa poder ao máximo" para meterlle presión ao Goberno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade