Polémica na Coruña pola repartición das luces de Nadal

Varios barrios da cidade herculina non contan con iluminación nin adornos

G24.gal 28/11/2023 15:25

A cidade da Coruña volverá brillar en tan só tres días. Con máis de tres millóns de puntos de luz esparexidos por toda a cidade, os veciños quéixanse da desigualdade na repartición da iluminación de Nadal en varios barrios, nalgúns casos sen contar con iluminación ningunha.

Un dos casos máis significativo é o da Agra do Orzán, onde os veciños aseguran que levan dende o 2018 sen ningún tipo de luz nin adorno: "Aquí non hai nada..., e así van acabar co pouco comercio que queda", comentaba a veciñanza deste barrio coruñés.

No barrio do Martinete repítese tamén esta situación, aínda que os veciños decidiron xuntarse para decorar e animar eles mesmos o seu barrio. "Traballamos todos neste local para facer a decoración...". "Parece ser que este ano non chegamos a tempo para solicitar as luces, pero sen elas non imos quedar".

No Ventorrillo ou en Elviña sumáronse ás queixas pola pouca equidade na distribución das luces de Nadal. Así mesmo, moitos critican que boa parte do medio millón de euros do orzamento municipal destinados a esta iluminación fose investido no centro da cidade, xerando malestar en moitos barrios coruñeses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar