Política Social urxe a ministra de Inclusión a xestión do ingreso mínimo vital
Política Social urxe a ministra de Inclusión a xestión do ingreso mínimo vital
A conselleira Fabiola García reclama por carta unha reunión urxente para o traspaso desta competencia
A Xunta prevé que este mes de maio se adxudiquen as 240 prazas nas dúas novas residencias da Fundación Amancio Ortega en Santiago e Lugo
Galicia está afrontando os primeiros compases dunha nova lexislatura, hai un mes botaba a andar o novo goberno de Alfonso Rueda na Xunta. Hai novas caras e novidades na estrutura e nas competencias dos departamentos.
Unha das consellerías en que houbo cambios é a de Política Social, que incorpora agora as materias de Igualdade pero non muda a súa conselleira, xa que segue á fronte desta carteira Fabiola García, quen este xoves foi entrevistada no programa Bos Días da Televisión de Galicia.
Esta suma de competencias obrigou a unha reorganización nesta consellería pola que emerxen dúas áreas de nova creación, como son unha Dirección Xeral específica de Promoción da Igualdade e outra Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.
Este mes se adxudicarán as prazas nas novas residencias de Santiago e Lugo
Un dos compromisos en campaña para os primeiros 100 días de goberno foi a creación de 1.000 prazas en residencias de maiores. "Xa temos cumprido ese compromiso a través dunha orde que acabamos de resolver de 18,5 millóns de euros, destinada a todos os concellos galegos para crear 650 novas prazas de atención residencial e diúrna, e tamén poñer a andar esas 240 das residencias que nos entregou a Fundación Amancio Ortega (FAO) en Santiago e Lugo, pero tamén 100 novas prazas públicas a través de 20 novas Casas do Maior e 166 novas prazas de atención a persoas con discapacidade", detallou a conselleira.
Segundo Fabiola García, a Xunta acaba de solicitarlles aos concellos o permiso de primeira ocupación das residencias da FAO e prevé que neste mes de maio comece a adxudicación das prazas.
Terceiro curso académico coa Educación Infantil 0-3 gratuíta
Tamén este mes, pero a finais, coñeceranse as listaxes definitivas de admisión nas 10.500 prazas das escolas infantís públicas de titularidade autonómica para o curso 2024 / 2025, o terceiro en que se aplica a medida de gratuidade da Educación Infantil de 0-3 anos.
"Máis de 32.000 familias poderán aforrar máis de 3.000 euros ao ano", asegurou García, quen apuntou que Galicia é a única comunidade autónoma con esa gratuidade "dun recurso de conciliación fundamental para que ninguén teña que escoller entre coidar e traballar".
O traspaso da xestión do ingreso mínimo vital segue pendente
A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que segue pendente o traspaso da xestión do Ingreso Mínimo Vital (IMV), como solicitaron en 2020, cando entrou en vigor, e comprometera en 2022 o ministro José Luis Escrivá, daquela á fronte da carteira de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
"Esta mesma semana pedinlle por carta á nova ministra [Elma Saiz] unha reunión urxente para o traspaso desta competencia para que se lle conceda de forma áxil a todas estas persoas que non teñen tempo que agardar por esta prestación", asegurou.
Mentres tanto, segundo explicou García, "estamos orientando as persoas en situación de especial vulnerabilidade á renda que máis se adapta ás súas necesidades pero, dados os longuísimos prazos para recibir o IMV, estamos atendendo a moitas familias de xeito inmediato a través da renda de inclusión social de Galicia (Risga) para que non pasen meses e meses sen ter nada". "Solicitamos ese traspaso de forma inmediata, nas mesmas condicións en que se fixo coas comunidades forais, porque o único que pretendemos é serlles áxiles e útiles ás persoas que tanto o precisan", remarcou.
11 millóns de euros para o Plan Corresponsables para os concellos
A titular de Política Social puxo de relevo a dotación de 11 millóns de euros para unha nova edición do Plan Corresponsables para que os concellos poidan financiar os centros de información á muller (CIM) e actividades de conciliación durante o verán e o resto do ano.
Fabiola García subliñou que un dos intereses do seu departamento é a posta en marcha recursos para a conciliación. Neste sentido, salientou as 11.500 prazas dispoñibles para os campamentos de verán, 250 novas prazas de atención ás persoas con discapacidade para campamentos específicos e do Bono Concilia, "que non ten límite de renda, e que vai de 200 e 500 euros para actividades que os pequeniños tanto queren e tanto necesitan os seus pais".